72 persoas maiores desfrutarán esta semana do programa de termalismo social da Deputación que beneficiará a preto 3.500 veciños de 54 concellos da provincia
Un total de 72 persoas da provincia maiores de 50 anos inaugurarán este luns nas Termas de Cuntis o programa da Deputación de Pontevedra “Depotermal”. Son veciños dos concellos de Barro, Caldas de Reis, Meaño, Meis e Ribadumia que gozarán da modalidade diúrna deste programa, polo que acudirán durante cinco días consecutivos ao establecemento termal para desfrutar das súas instalacións, como os baños de hidromasaxe ou a piscina terapéutica.
O programa de termalismo e saúde da Deputación de Pontevedra, dirixido ás persoas maiores de 50 anos, xubiladas, pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65% ou que teñan acreditado un respiro familiar, ten como finalidade facilitarlles aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros. Ademais, ao mesmo tempo, pretende ser un programa dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade ao desestacionalizar a demanda.
“Depotermal” conta con dúas modalidades: unha diúrna, mediante a que as persoas beneficiarias asisten aos establecementos termais durante cinco días consecutivos, e outra con pernoita, a través da que se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites. En total, son 2.447 as persoas beneficiarias, das que 664 aproveitarán a asistencia diúrna e 1.783 persoas a asistencia con pernoita.
No hay comentarios:
Publicar un comentario