A deputada de Fondos Europeos, María Ramallo, mantivo unha reunión con alcaldes e representantes dos concellos como paso previo á firma do convenio de colaboración
A Deputación de Pontevedra avanza na posta en marcha dos proxectos destinados á transformación dixital e modernización dos concellos de menos de 20.000 habitantes, que contan cunha achega de 2,52 millóns de euros dos fondos NextGenerationEu. A deputada de Fondos Europeos, María Ramallo, mantivo unha reunión con alcaldes e representantes de 25 concellos con poboación inferior aos 20.000 habitantes para facilitarlles información sobre esta iniciativa co obxectivo de que, nos próximos días, subscriban a súa adhesión e aproben e asinen o convenio coa Deputación.
Segundo a deputada provincial é “unha grande oportunidade” que sexa a Deputación quen lidere este proxecto, “de tal forma que non implique trámites administrativos” aos concellos de menos de 20.000 habitantes. “Imos encamiñados cara a un futuro no que temos que actualizarnos. E, se somos capaces de facelo ben, virán outros fondos que nos permitirán seguir adiantando fases para ese futuro que vén. Tardaremos máis ou menos, pero o da dixitalización é un camiño que hai que explorar”, asegurou Ramallo no encontro con alcaldes e representantes municipais.
Unha vez que os concellos subscriban o acordo de adhesión, os seguintes pasos deste proxecto, que ten concedida unha prórroga para o seu desenvolvemento ata o vindeiro 30 de abril de 2024, pasan por formalizar o convenio para proceder a licitar as diferentes liñas de actuación. A primeira das liñas do proxecto consiste na posta en marcha dunha plataforma web/app de comunicación e xestión de incidencias, unha canle de comunicación bidireccional entre a cidadanía e o concello que permite a participación cidadá, a difusión de información e a xestión de incidencias. Ademais, a posta en marcha dun portal de transparencia que permita o acceso á información orzamentaria de forma clara e ordenada, con toda a información sobre os gastos e ingresos do concello, que lle permita cumprir coa Lei de Transparencia.
A segunda das liñas consistirá no desenvolvemento dun sistema de xestión de órganos colexiados (videoactas), incluíndo subministro de equipo e software de emisión, gravación e almacenamento de reunións con autenticación dos vídeos. Así, os cidadáns poida seguir en directo ou baixo demanda os plenos do seu concello e as Secretarías Municipais dispoñan dunha ferramenta para xerar de maneira automática as actas dos mesmos.
Pola súa banda, a terceira das liñas consiste na posta marcha dun cadro de mando de indicadores da Axenda Urbana e Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), que será unha plataforma de axendas municipais para visualizar, explorar, xestionar e analizar estes indicadores e os da Axenda Urbana Española (AUE) da provincia para poder facer un seguimento e trazar plans de mellora.
A cuarta liña consiste na provisión de equipamentos informáticos intelixentes para facilitar a mobilidade e a produtividade dos empregados públicos: un de tipo estándar dotado con capacidades para o desenvolvemento das tarefas ofimáticas máis habituais, e outro avanzado, de maiores capacidades para o desenvolvemento de tarefas técnicas que requiran prestacións superiores. Os concellos interesados poderán solicitar un máximo de 12 dos primeiros equipos e 2 dos segundos.
Tamén se dotará ao centro de procesamento de datos (CPD) da Deputación de novos servidores de altas prestacións para poder ofrecer servizos centralizados de almacenamento (cloud) aos concellos, e poder albergar tamén as ferramentas deste proxecto e a información que se xere. Por último, levarase a cabo a incorporación á Carpeta Cidadá da Administración Xeral do Estado, o que permitirá á cidadanía acceder de maneira autenticada á consulta dos seus expedientes e ter, así, unha visión centralizada e detallada da súa información.
No hay comentarios:
Publicar un comentario