O ORAL xestionará máis de 5.300 recibos por valor de 9 millóns de euros de contribuíntes de 50 concellos. O período voluntario de pago esténdese ata o vindeiro 3 de novembro
A Deputación de Pontevedra acaba de poñer en marcha a campaña de recadación do Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) do exercicio 2023, cuxo pago poderá realizarse de maneira voluntaria ata o vindeiro 3 de novembro incluído, tanto de maneira presencial como virtual, a través do ORAL. 50 concellos teñen delegada a xestión tributaria e a recadación no órgano da administración provincial, que xestionará un total de 5.314 recibos cun importe de 8,9 millóns de euros.
Os 50 concellos que teñen delegada a xestión do IAE no ORAL son A Cañiza, A Estrada, A Lama, Agolada, Arbo, Barro, Baiona, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontecesures, Portas, Rodeiro, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vila de Cruces, Vilaboa e Vilanova de Arousa.
O ORAL lembra que as persoas interesadas poden consultar os rexistros relativos á súa débeda en cada un dos seus concellos ou, pola contra, nas oficinas do ORAL durante o período de exposición ao público, que rematará o próximo 2 de outubro.
O ORAL xestionará ata 72 millóns de euros na recadación do IBI
Por outra banda, ata o 7 de novembro aínda está aberto o prazo para o abono do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) correspondente ao exercicio de 2023. Neste caso, a Deputación xestiona a través do ORAL un total de 466.529 recibos, que suman un importe duns 72 millóns de euros, de persoas contribuíntes dos mesmos 50 concellos. En concreto, 421.627 deses recibos, por valor de 66,8 millóns de euros, corresponden a bens inmobles urbanos; 44.796 por un total de 2,4 millóns de euros a bens inmobles rústicos, e outros 106 recibos cun importe de 2,9 millóns de euros a bens de carácter especial. Ademais, ata o 6 de outubro aínda é posible realizar a consulta da débeda tributaria personal tanto nos concellos como nas oficinas do ORAL.
En ambos os dous casos, o abono pode realizarse a través dos diferentes medios de pago habilitados pola institución provincial. Así, os contribuíntes poderán facer o ingreso a través da Oficina Virtual Tributaria (OVT) da Deputación de Pontevedra-ORAL (www.ovt.depo.gal); a través da aplicación móbil de pagamentos da Deputación (dispoñible para iOS e Android), e tamén a través das canles das entidades bancarias colaboradoras. No caso dos recibos domiciliados, as datas de cargo en conta serán o 3 de outubro no caso do IBI e o 3 de novembro para o IAE.
No hay comentarios:
Publicar un comentario