O presidente Luis López destaca a importancia de que “a administración electrónica chegue a todos os recunchos da provincia”
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra asinou este venres un convenio por valor de 2,5 millóns de euros ao que se unirán 51 concellos de menos de 20.000 habitantes para recibir fondos que destinarán á dixitalización da administración local.
O presidente da Deputación, Luis López, mostrouse moi satisfeito por sacar adiante unha iniciativa deste tipo porque está convencido de que “é fundamental que a administración electrónica chegue a todos os recunchos da provincia”.
O convenio está dividido en cinco liñas diferentes. A primeira, dotada con 225.000 euros destinarase a fomentar a transparencia, cun portal no que a cidadanía pode consultar datos orzamentarios, e á comunicación bidireccional entre a veciñanza e a administración a través da implementación dun caixón de suxerencias e de notificación de incidencias.
A segunda ten un orzamento de 600.000 euros, que se destinarán á financiación de sistemas de retransmisión en directo dos plenos e de creación automática de videoactas. Unha medida que contribúe tamén á transparencia e a achegar o funcionamento da administración á cidadanía.
Un valor de 100.000 euros ten a terceira das liñas do acordo, que servirá para potenciar o coidado do medio ambiente nestes municipios a través dunha plataforma no que consultar e analizar o grao de cumprimento dos distintos obxectivos de desenvolvemento sostible marcados pola Unión Europea.
A cuarta, dotada cun millón de euros, é a que suscita un maior interese por parte dos concellos da provincia. Destinarase á renovación e adquisición de equipos informáticos, así como para a implementación do teletraballo.
Finalmente, a derradeira liña de actuación ten unha cuantía de medio millón de euros é consiste no desenvolvemento dunha carpeta cidadá na que a veciñanza poderá facer diversos trámites administrativos desde a súa casa e almacenalos nese repositorio para futuras consultas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario