A institución está a dar os primeiros pasos para poñer en funcionamento a oficina, con sede física no Viveiro de Empresas da Deputación en Barro
A Deputación de Pontevedra está a avanzar na creación de +Renovables, a oficina de transformación comunitaria para apoiar ás comunidades enerxéticas da provincia. Instalarase, de xeito piloto ata o 30 de setembro de 2025, no Viveiro de Empresas da Deputación en Barro e conta cun orzamento de preto de 750.000 € dos que a Unión Europea achega 500.000 € a través dos fondos NextGenerationEU.
O principal obxectivo desta oficina, que ademais da sede de Barro contará con oficinas itinerantes, é fomentar e impulsar a creación e desenvolvemento de comunidades enerxéticas en todas as comarcas da provincia, sendo o medio rural, especialmente os concellos de reto demográfico, a súa prioridade. Para conseguilo, o proxecto contempla actividades de difusión, acompañamento, asesoramento, así como a creación dunha rede de comunidades enerxéticas provincial e diferentes iniciativas de formación e investigación.
No que respecta á difusión está prevista a realización de charlas nos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes para dar a coñecer os servizos de +Renovables e a figura das comunidades enerxéticas, así como de dúas xornadas anuais (unha este ano e outra no 2025) para expoñer casos de éxito, problemáticas e oportunidades a carón das comunidades enerxéticas. Ademais, organizarase de cara ao vindeiro ano un congreso provincial para poñer en común a experiencia obtida polas comunidades enerxéticas creadas e para analizar desenvolvementos futuros.
+Renovables tamén realizará acompañamento daquelas entidades interesadas en crear unha comunidade enerxética. Deste xeito, e unha vez formalizada a solicitude, realizarase un completo asesoramento tanto na fase de constitución das comunidades enerxéticas, como na de desenvolvemento do proxecto e na de explotación. Axudaráselles a deseñar un proxecto de xeración, ben térmico ou eléctrico, para dar cobertura aos participantes na comunidade enerxética, e tamén prestarase asesoramento económico sobre créditos e fórmulas de financiación. Ademais realizaranse estudos e informes previos e iniciais de cara á implantación de comunidades enerxéticas, desde estudos de análise de capacidade produtiva de enerxía ata económico-financeiros, para analizar a viabilidade financeira dos proxectos, ou informes legais e xurídicos.
O proxecto contempla tamén a posta en marcha dunha rede de comunidades enerxéticas da provincia de Pontevedra e o observatorio provincial de comunidades enerxéticas, que recollerá datos dos proxectos para elaborar un inventario que permita calcular o aforro enerxético xerado polas comunidades, así como a redución da dependencia enerxética do exterior e o descenso nas emisións de gases de efecto invernadoiro. Ademais +Renovables impartirá formación dirixida, inicialmente, a todo aquel persoal das entidades locais e comunidades enerxéticas, para que sexan capaces de xestionar e levar a bo porto os seus proxectos de produción e consumo de enerxía. Tamén contempla desenvolver actividades de formación en función das necesidades que vaian xurdindo entre as diferentes persoas implicadas na xestión destas comunidades.
No hay comentarios:
Publicar un comentario