A Deputación destina 600.000 euros a espallar a música galega e en galego por todos os concellos da provincia, un 16 % máis que o pasado ano - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

lunes, 5 de febrero de 2024

A Deputación destina 600.000 euros a espallar a música galega e en galego por todos os concellos da provincia, un 16 % máis que o pasado ano

 


Este luns abre o prazo para que os artistas e grupos poidan inscribirse no catálogo “+Música”, a ferramenta que empregarán os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para solicitar, entre o 1 e o 15 de marzo, actuacións para as súas vilas e pobos

A Deputación de Pontevedra destina este ano 600.000 euros a “+Música”,  o programa co que espallará música galega e en galego por todos os concellos da provincia e que no 2024 incrementou o seu orzamento nun 16%. A través desta iniciativa, a institución provincial pretende facilitar a programación e celebración de concertos gratuítos e para todos os públicos nos concellos, así como contribuír ao fomento da cultura da provincia e do galego e promover a reputación de Pontevedra como destino cultural. Este luns, 5 de febreiro, abre o prazo para que os artistas e grupos poidan inscribirse no catálogo do programa, a ferramenta que empregarán os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para solicitar, entre o 1 e o 15 de marzo, actuacións para as súas vilas e pobos.

O catálogo “+Música” recollerá información detallada sobre cada un dos grupos ou artistas, como o nome artístico, a súa páxina web, un breve currículo, a descrición da súa proposta artística, o caché, as necesidades técnicas e de produción ou as ligazóns as súas principais redes sociais, entre outras. Configúrase así como un instrumento a disposición dos concellos, que poderán solicitar, entre os grupos inscritos no catálogo, as súas preferencias de actuacións e concertos que deberán celebrarse entre o 1 de maio e o 31 de decembro deste ano.

Os artistas ou grupos interesados en inscribirse no catálogo “+Música” terán dez días para presentar as súas solicitudes a través da Sede electrónica da Deputación (www.sede.depo.gal). Nela deberán incluír unha memoria do espectáculo, na que deberá recollerse a descrición do mesmo, acreditando o emprego do galego como mínimo no 70% das obras musicais que se interpreten; o repertorio musical, indicando o autor ou a orixe das obras e duración do espectáculo, e a ficha do grupo, que debe conter unha fotografía do grupo ou artistas, a relación das persoas integrantes do equipo artístico e técnico e as necesidades técnicas e de produción.

No hay comentarios:

Publicar un comentario