A Deputación destina 460.000 euros a promover a igualdade e loitar contra a violencia de xénero na provincia, un 12% máis que o pasado ano - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

martes, 6 de febrero de 2024

A Deputación destina 460.000 euros a promover a igualdade e loitar contra a violencia de xénero na provincia, un 12% máis que o pasado ano

 


Destes recursos 260.000 irán dirixidos a concellos e 200.000 a entidades sen ánimo de lucro. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación das bases das axudas no Boletín Oficial da Provincia

 

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno as bases das axudas destinadas a concellos e entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o fomento da igualdade e a loita contra a violencia de xénero. Estas dúas liñas, tal e como explicou o presidente Luis López, ascenden a 460.000 euros, un 12% máis que o pasado ano, dos cales 260.000 irán dirixidos a concellos e os 200.000 restantes a entidades sen fins de lucro. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación das bases das convocatorias no Boletín Oficial da Provincia.

 

O presidente detallou que as axudas para concellos destínanse aos municipios de menos de 20.000 habitantes, “para que poidan promover actuacións de cara a conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria”. Neste caso, a contía máxima por concello será de 6.000 euros e, entre outras cuestións, permitirá aos gobernos locais impulsar actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista; proxectos para mellorar a atención integral ás vítimas de violencia de xénero, aos seus fillos e  persoas dependentes ao seu cargo; actividades para mellorar a formación e a orientación para o emprendemento e inserción laboral das mulleres e campañas de difusión e sensibilización en materia de igualdade. Tamén para elaborar plans de igualdade, proxectos e iniciativas xurdidas dos acordos das mesas locais contra a violencia de xénero,  crear redes de apoio para fomentar a corresponsabilidade e para contratar persoal empregado público especialista en materia de igualdade.

 

No caso das entidades sen fins de lucro, Luis López explicou que  as axudas ascenden a 200.000 euros, 50.000 máis que no 2023, e que cada solicitante poderá recibir ata 7.000 euros, 1.000 euros máis que o pasado ano. Con estes recursos, as entidades poderán impulsar actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia de xénero; de atención integral de vítimas de violencia machista, fillos e persoas dependentes ao seu cargo; programas destinados a mulleres vulnerables; proxectos e actividades para fomentar a igualdade; proxectos encamiñados a mellorar a formación, o emprendemento e a inserción laboral das mulleres; accións dirixidas a crear redes e servizos que favorezan a conciliación e campañas de difusión en materia de igualdade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario