Trátanse de dúas convocatorias dirixidas a entidades sen ánimo de lucro que distribuirán 100.000 € para a recuperación do patrimonio marítimo-fluvial orientado á promoción sociocultural e 90.000 € para a edición de obras en galego
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar as bases de axudas por valor de 190.000 € para apoiar a entidades sen ánimo de lucro na edición de obras en galego de difusión cultural e para a recuperación do patrimonio marítimo fluvial. Destes recursos, tal e como explicou o presidente provincial Luis López, 100.000 € irán dirixidos á recuperación do patrimonio marítimo fluvial orientado á promoción sociocultural e 90.000 € para a edición de obras en galego.
Os recursos destinados á recuperación do patrimonio marítimo fluvial permitirán financiar traballos de rehabilitación de embarcacións tradicionais, aparellos de pesca e outros elementos marítimos e construcións e instalacións en terra promovidos por entidades sen ánimo de lucro. Neste ámbito, o importe máximo por subvención é de 10.000 € e non superará o 80% do orzamento da actuación.
Pola súa banda, os recursos destinados ás entidades sen ánimo de lucro para a edición de obras en galego abranguen dende pezas en papel, ata audiovisuais, obras mixtas ou noutros formativos sempre que teñan por finalidade, tal e como detallou o presidente, “difundir traballos de interese para a cultura galega”. Neste caso subvencionarase ata o 70% do custo total das obras e non excederá os 3.500 € para publicacións en papel, 8.000 € para publicacións audiovisuais ou mixtas e 12.000 € para formatos especializados para persoas con diversidade funcional.
O prazo para solicitar as axudas, tanto as dirixidas ao patrimonio marítimo fluvial como as destinadas a obras en galego, será dun mes a partir da publicación das bases de ámbalas dúas convocatorias no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario