O programa provincial ofertará máis de 200 obradoiros para federacións e fundacións enmarcados en catro temáticas: tecnoloxía, creatividade, natureza e saúde
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou as bases do programa provincial “+Xuntas”, co que busca mellorar a formación básica das mulleres da provincia e as súas condicións de vida. Cun orzamento de 320.000 euros, o programa ten como obxectivos, como explicou o presidente da Deputación, Luis López, “crear redes de apoio para impulsar a participación activa e a xeración de vínculos entre participantes, así como fomentar as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias”.A través de “+Xuntas” a Deputación ofrecerá 207 obradoiros para federacións e fundacións sen fins de lucro da provincia que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres e apoien o seu desenvolvemento. Cada entidade interesada poderá solicitar, entre este xoves 1 de febreiro e o 1 de marzo, un obradoiro entre os ofertados, que se enmarcan en catro temáticas diferentes.
Desta maneira, “+ Tecnoloxía” contempla cursos de alfabetización dixital, de socialización coas redes sociais, de administración electrónica e de administradoras de redes sociais; “+ Creatividade”, con talleres de pintura, teatro, encontros con lectoras, patchwork, personalización de álbums e artesanía en coiro; “+ Natura” inclúe accións formativas centradas nas plantas medicinais, a conservación de alimentos, a xardinería, as hortas ecolóxicas e o arte floral, e, por último, “+ Saúde”, con obradoiros de ioga, pilates, taichí, ximnasia hipopresiva, menopausa de forma saudable, autocoidado, autoestima e comunicación asertiva, musicoterapia, risoterapia e atención plena. Os cursos están dirixidos a un máximo de entre 20 e 25 persoas, segundo a especialidade, e teñen unha duración de 35 horas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario