Lago Aves, Huevos y Caza S.A. ocupará as tres parcelas. Con ela son xa 25 as empresas presentes no polígono industrial
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a venda de tres novas parcelas no polígono de Barro, que ocupará Lago Aves, Huevos y Caza S.A., e grazas á cal o parque empresarial suma xa un 78% de ocupación. O presidente provincial, Luis López, destacou que con esta venda, que supera o millón de euros (1.012.575 €), o polígono “é aínda máis un pulmón de emprego e actividade para toda a provincia, e especialmente para a contorna de Pontevedra, que necesita apoio e consideración cara os emprendedores”.
Trátanse de tres parcelas cunha superficie total de 8.453 metros cadrados nas que Lago Aves, Huevos y Caza S.A. instalará unha nova planta de elaborados cárnicos. Esta empresa pontevedresa, con sede en Campañó, ten unha facturación anual de máis de vinte millóns de euros e dedícase á elaboración de todo tipo de produtos cárnicos.
Con esta empresa xa son 25 as que están presentes no polígono de Barro, que ten 61 parcelas ocupadas e 15 libres, cunha superficie total de 57.945 metros cadrados dos 264.576 cos que conta de superficie para actividade empresarial. Algunhas das empresas presentes neste polígono son: Froiz, Hijos de Rivera, Mafari, Frutas Moncho, Mariscos Alumar ou Transfrío, entre outras. Ademais, a Deputación ten instalado en Barro o Viveiro de Empresas, o Centro de Apoio Empresarial e o novo Parque de Maquinaria.
No hay comentarios:
Publicar un comentario