A TEMPADA DE PESCA 2013 EN GALICIA INICIARASE O 17 DE MARZO E REMATARÁ O 31 DE XULLO - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

jueves, 27 de diciembre de 2012

A TEMPADA DE PESCA 2013 EN GALICIA INICIARASE O 17 DE MARZO E REMATARÁ O 31 DE XULLO


O Diario Oficial de Galicia publica a orde na que se definen algunha peculiaridade para determinadas especies


§         Entre as novidades desta tempada destaca que o copo para a captura de salmón no río Miño pasa de 5 a 8 exemplares
§         Incorpóranse unha nova masa de auga, un tramo no río Mendo entre A Ponte dos Cabalos e a desembocadura do río Mandeo, para a pesca de reo
§         A tempada da troita nas augas de montaña comeza o 1 de maio e súmase o río Soldón, augas abaixo da ponte da estrada de Rugando a Vilarmel
§         Establecense novos tramos vedados, 26,9 quilómetros na Coruña, 87,4 en Lugo, 11 en Ourense e 27,5 en Pontevedra, e se levanta a veda en 88 quilómetros de ríos da Coruña, 15,7 en Lugo e 7 en Pontevedra
§         Con carácter xeral, decláranse os luns como inhábiles para a pesca, agás os festivos nacionais ou autonómicos

A tempada de pesca para o ano 2013 na Comunidade galega comezará o vindeiro 17 de marzo e rematará o 31 de xullo, con carácter xeral. Así se establece na orde pola que se establecen as normas de pesca nas augas continentais, que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia.

Trátase dunha orde anual na que se definen as normas xerais de pesca fluvial de distintas especies ictícolas e dos demais seres vivos que habitan as augas continentais de Galicia e que é acorde aos artigos 46 e 47 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio).

Entre as novidades que destacan na orde que se publica hoxe é que o copo para a captura de salmón no río Miño pasa de 5 a 8 exemplares, e mantense o réxime de pesca de aplicación ao reo e á troita.

No que atinxe aos ciprínidos autorízase o uso do asticot como cebo nos encoros do anexo VII da orde publicada hoxe, tal como se viña facendo nas tempadas anteriores á do 2012.

Nesta nova orde tamén se recolle un réxime especial polo interese etnográfico da captura da anguía, en varios concellos lucenses, nas ribeiras do Miño.

Non obstante, mantense de igual xeito o réxime de aplicación as xornadas hábiles, as modalidades, as canas de pesca e utensilios auxiliares a pesca a flote, a modalidade de pesca sen morte e a normativa dos coutos.

Salmón
O período hábil para a pesca do salmón nos coutos da Pontenova, Betanzos, Celeiro, Couso, Frieira, Monteporreiro, Salmeán, Sinde e Ximonde irá dende o 1 de maio ata o 31 de xullo, pero poderá adiantarse o remate da temporada en función das cotas de captura. Por outro lado, nos coutos do río Ulla poderá practicarse a pesca sen morte do salmón.

A cota de captura está establecida nun exemplar por persoa e xornada, cunha dimensión mínima de 40 cm. A cota anual fíxase en 8 exemplares no río Lérez, 5 no río Mandeo, 15 no río Masma, 8 no río Miño, 10 no couto de Salmeán e 35 no río Ulla. No reto dos coutos autorizados no río Eo non se establece cota anual de captura.

En relación cos engados (engado é o material que se pon no anzol para atraer á presa e que o trague. Os engados poden ser naturais, collidos da natureza, miñocas, larvas, carne, peixes,... ou artificiais, construidos imitando animais ou outros obxectos que poden ser atractivos para os peixes que se queren capturar), os artificiais autorizados son a mosca artificial, culleriña e peixes artificiais ou semellantes. Dende o 1 de xuño ata fin da tempada os engados só poderán ter un anzol simple. Para a pesca sen morte do salmón no río Ulla autorízase unicamente a mosca artificial con anzol sen arponciño. No caso dos naturais, os autorizados son a miñoca e quisquilla.

Pautas especiais na captura do salmón
Na orde tamén se recolle unha serie de prescricións especiais para as capturas do salmón. Así, aquelas que sexan accidentais fora da tempada hábil, de exemplares de menos de 40 cm, e máis as capturas en tramos de pesca sen morte terán que ser devoltas a auga con rapidez, mantendo ao pez na auga mentres se libera do engado podéndose valer dunha sacadeira. Deste xeito, nunca deberá estar suspendido verticalmente suxeitándolle pola cola, e de ser preciso, procederase a cortar a sedela para liberar o peixe.

En todos os salmóns capturados comprobarase a existencia de micromarcas magnéticas na cartilaxe nasal no momento de seren precintados e guiados. Dado que os salmóns micromarcados proceden das repoboacións efectuadas pola Administración galega ou por outras administracións españolas ou estranxeiras, débense recuperar as mesmas mediante a extracción dun fragmento da cartilaxe nasal no que se atope a citada micromarca magnética. Nestes casos, deberase prestar a colaboración necesaria e permitir a permanencia do salmón no centro de precintaxe o tempo necesario para a recuperación da micromarca magnética, propiedade da Administración autora da repoboación.

A pesca do reo
En función do couto no que se practica este deporte, a Xunta establece unha data de remate da tempada. Deste xeito:

nos coutos da Pontenova (lote 1,2 e 3) iníciase o 1 de maio ata o 31 de xullo
nos coutos de Celeiro (lotes 2 e 3), Couso, Lambre, Monteporreiro, Noia, Noval, Ombre, ponte Arnelas, A Ponte do Porto, ribeiras, Segade, Sinde, Viveiro 8lotes 2 e 3) Simonde e Xuvia a tempada vai dende o 1 de maio ao 30 de setembro
no couto de betanzos do 1 de maio ao 15 de setembro

Cómpre sinalar que nas zonas de desembocadura non se autoriza a captura do reo e noutras masas de auga (distintas das citadas anteriormente) establécese un período de pesca que discorre dende o 1 de maio ao 31 de xullo.

Para esta especie, fíxase unha captura de 5 exemplares, dunha dimensión mínima de 35 cm, por persoa e xornada; agas no tramo do río Umia comprendido entre o límite superior do couto de Caldas de Reis e o límite superior da zona de desembocadura, cuxa cota diaria será de 2 reos e nos tramos autorizados do couto de A Pontenova, a dimensión mínima será de 25 cm e a cota de captura de 8 exemplares por pescador/día.

Sobre os engados, nos caso dos artificiais permítense os mesmo que no caso do salmón; mentres que sobre os naturais, permítense todos; agás todo tipo de ovas de peixes e o peixe natural, nas augas salmoneiras non se permiten os cebos naturais mais que para a pesca do salmón.

Captura da troita
Na maioría das masas nas que se cría esta especie habilítase o período comprendido entre o 17 de marzo e o 31 de xullo; mentres que nos coutos e tramos de pesca sen morte, os de pesca intensiva e nos conveniados iníciase o 17 de marzo ata o 30 de setembro con carácter xeral, aplazándose o inicio da tempada ata o 1 de maio nos casos de masas de auga salmonieiras, de reo ou cabeceiras de ríos de montaña.

Tamén se establece un período especial para o tramo do río Bibei, compartido con Zamora, polo que no encoro de San Sebastián só se poderá capturar exemplares cunha talla mínima de 19 cm entre os días 31 de marzo ata o 31 de agosto. No tramo do río Bibei entre os encoros de Pías e San Sebastián e no Encoro das Pías poderase practicar a pesca no período comprendido ente o 28 de abril e o 31 de agosto.

Por norma xeral establécese a posibilidade de capturar 10 exemplares ao día e por persoa cunha tall mínima de 19 cm. Non obstante existen unha serie de normas específicas para determinadas masas de auga.

Na orde que publica hoxe o DOG tamén se aclaran nun artigo as condicións da captura da lamprea, que unicamente se autoriza nos ríos Tea e Ulla, e que se recollen nas orde do 9 de novembro de 2012.

Masas de auga
Nos diferentes anexos da orde pode consultarse información relativa ás masas de auga. Non obstante, destaca a incorporación dunha nova masa de auga de reo, un tramo no río Mendo entre A Ponte dos Cabalos e a desembocadura do río Mandeo.

Xornadas hábiles
Tal e como se recolle na orde, con carácter xeral decláranse os luns como inhábiles para a pesca, agás festivos nacionais ou autonómicos, e nos coutos de pesca tamén serán inhábiles os xoves.

Os coutos conveniados con sociedades colaboradoras de pesca poderase pescar os xoves na modalidade de pesca sen morte ata o 30 de setembro.

En relación coas horas, só se poderá practicar a pesca no período comprendido entre unha hora antes da saía do sol e unha hora despois da posta. As horas serán as establecidas a páxina web de MeteoGalicia.


No hay comentarios:

Publicar un comentario