Os técnicos da EFA están a
constatar que se están aplicando tratamentos contra teóricos ataques de
mosquito verde que en realidade son síntomas de estrés hídrico
As altas temperaturas da fin de semana non facilitan o
avance nin de parásitos nin de fungos
As
condicións metereolóxicas de altas temperaturas das últimas semanas, e
especialmente as da pasada fin de semana, non facilitan o avance das pragas nas
viñas, nin de parásitos nin de fungos. Así o manifestan os técnicos da EFA de
Areeiro ao tempo que advirten que están a constatar que nalgúns casos se están
producindo confusións entre os danos producidos polo mosquito verde e os
síntomas de estrés hídrico. O estrés
hídrico, explican desde a EFA, responde a unha seca da terra do viñedo que se
produce especialmente en solos pouco profundos, en solos areosos, e tamén en
solos con excesiva vexetación espontánea.
Areeiro
advirte que antes de dar tratamento contra esta praga é importante comprobar
que realmente a viña está sufrindo ataques por parte deste parásito. Para
constatar a presenza real de mosquito verde, os técnicos recomendan a
instalación de trampas amarelas.
En
canto ao resto de enfermidades e pragas que habitualmente afectan á viña, o
aviso fitosanitario desta semana constata que as altas temperaturas non
facilitan a súa propagación. En todo caso, as precipitacións rexistradas no
xoves da semana pasada, de escasa contía, e a situación xeral da viña neste
período, non dan pé a pensar que poidan darse infeccións significativas. Tan só
recomendan continuar a vixilancia por se se produciran
casos puntuais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario