Os técnicos recomendan realizar os tratamentos a primeira
hora da mañá ou última da tarde e non facer mesturas non contrastadas
O tempo seco está a provocar patoloxías na madeira da viña,
debendo retirar os brazos secos ou marcar as prantas para actuar en inverno
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), dependente da Deputación de
Pontevedra, vén de aconsellar no seu último aviso fitosanitario “precaución
máxima” ao aplicar fitosanitarios na viña. Os técnicos aseguran que no caso de
ser necesario realizar algunha aplicación estes días de clima máis extremo,
débense tratar as plantas ao comezo da mañá ou final da tarde, non realizando
mesturas non contrastadas e respectando sempre as doses da etiqueta, entre
outras cuestións. Non traballar deste xeito, segundo indican, pode levar a
danos nas plantas e no medio ambiente. Así mesmo, subliñan que é importante
realizar adecuadamente as aplicacións de fitosanitarios co fin de coidar nosa
propia saúde usando os equipos de protección apropiados.
Por outra parte, os
técnicos alertan de que as condicións de estrés que están a sufrir as plantas
co tempo seco, os ventos do Norte e a insolación reinantes están a provocar
unha expresión manifesta de síntomas compatibles con patoloxías de madeira.
Polo tanto, se se observan brazos illados completamente secos pódense eliminar
gardando todas as precaucións pertinentes na poda. En caso contrario, débense
marcar as plantas para actuar separadamente no inverno, sendo esta práctica
especialmente aconsellable naquelas leiras onde a presenza de plantas
sintomáticas se incrementa ano tras ano.
As condicións climáticas desta última semana non foron favorables para a
propagación do Mildeu e apenas se rexistraron puntualmente condicións de
esporulación nalgunha estación illada (pola práctica ausencia de humidade
foliar). En calquera caso, débese manter a vixilancia de forma máis
exhaustiva naquelas leiras que sufrisen danos e onde ademais transcorrese xa o
período de protección do tratamento anterior.
En canto ao Oidio se advertiron novos síntomas, pero aínda pode
producirse algún dano na uva, especialmente naquelas parcelas ou plantas
sensibles, polo que se debe manter tamén a vixilancia.
Na rede de trampas para
as couces do acio instaladas por Areeiro as capturas desta semana foron moi
baixas e non é necesario tratar. En canto aos ácaros, atopáronse algúns
síntomas de Calepitrimerus vitis nos
brotes terminais dunha planta, pero a situación máis xeneralizada é a súa
ausencia.
Maceira
Fronte á semana anterior,
incrementáronse sensiblemente as porcentaxes de parasitismo por Aphelinus mali, coñecido como pulgón
laníxero, nalgunhas parcelas. Por outra banda, mantivéronse elevadas as
capturas da couce da maceira, a Cydia
pomonella, superando amplamente o limiar de tolerancia. Os técnicos indican
que o voo dos adultos é continuo ao longo da campaña e pode variar moito entre
leiras, polo que é importante manter a protección en caso de non facer
seguimentos específicos da evolución da praga.
En canto á araña
vermella, nesta semana a EFA recibiu varias mostras de maceiras de diferentes
zonas e variedades coa coloración bronceada característica do ataque deste
ácaro. É preciso lembrar que, do mesmo xeito que noutros cultivos, tamén na
maceira hai ácaros útiles fitoseidos que adoitan estar presentes cando non se
efectúan tratamentos indiscriminados que os prexudiquen. Por iso, non se debe
tratar, a menos que sexa realmente necesario (se se supera o limiar de 40-45%
de follas con presenza do ácaro infesta).
Cítricos
Seguen a ser
numerosísimas as consultas procedentes de diferentes áreas da provincia
relativas á praga da Psila africana,
posto que os seus síntomas están a ser moi evidentes. Cabe destacar que estes
días algunhas plantas mostran partes amarelas ou decaementos, síntomas que
poderían apuntar á enfermidade que pode transmitir o insecto, pero a
sintomatoloxía é, na súa maioría, consecuencia das especiais condicións
climáticas reinantes.
.
No hay comentarios:
Publicar un comentario