§
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; a conselleira de Medio
Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato; e o conselleiro delegado de
ENCE, Ignacio de Colmenares y Brunet presentaron hoxe en rolda de prensa os
contidos do acordo
§
Este documento, no que se detallan especialmente tres actuacións: o
financiamento da EDAR de Praceres; a dotación orzamentaria para a sede do
centro de investigación; e a elaboración dun ‘Programa Marco’ de actuacións de
carácter social e ambiental, asínase só un mes despois de ratificar o Pacto
ambiental
§
Segundo se consigna no convenio, a depuradora de Praceres contará cun
investimento de ata 15 millóns de euros, que se sumarán aos 48 millóns xa previstos
pola Xunta no Plan de saneamento local da ría
§
Así mesmo recolle o compromiso de dotar a Pontevedra dunha sede de I+D,
para o que se propón o Pazo de Lourizán
§
O convenio xa recolle nominalmente dous dos proxectos do ‘Programa
Marco’: o ‘Talento’ e o ‘Emprende Boa Vila’
A Xunta de Galicia vén de asinar con
Ence o convenio de colaboración que permitirá desenvolver os compromisos
recollidos no Pacto Ambiental, que se ratificou hai só un mes. Con este novo
paso, dótase de seguridade xurídica ao Pacto e permítese que as actuacións
poidan comezar a executarse.
O
vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; a conselleira de Medio Ambiente e
Ordenación do Territorio, Beatriz Mato; e o conselleiro delegado de ENCE,
Ignacio de Colmenares y Brunet presentaron hoxe en Pontevedra os contidos deste
acordo, que inclúe fundamentalmente tres actuacións: o financiamento da EDAR de
Praceres, a dotación dunha sede para o centro de investigación e
desenvolvemento, e a elaboración dun Programa
Marco para poñer en marcha actuacións de carácter social e ambiental.
En canto á
ampliación e modernización de Praceres para incrementar a súa eficacia e
eficiencia, o convenio recolle a achega de 15 millóns que ENCE xa tiña
comprometido. Deste xeito, esta renovada EDAR vaise converter nun dos
investimentos máis importantes do Plan de saneamento local da Ría de
Pontevedra, no que xa se está traballando, e que conta cun orzamento de 48
millóns ata 2021, aos que agora se engaden estes 15 millóns.
O segundo
punto fundamental refírese á posta a disposición dunha sede para o novo centro
de investigación e desenvolvemento especializado na explotación sostible de
recursos forestais. Esta iniciativa, para a que se establece un investimento de
5 millóns de euros, vai situar a Pontevedra á vangarda da investigación do
aproveitamento sostible deste tipo de recursos.
Como sede
deste novo centro de I+D, proponse rehabilitar o Pazo de Lourizán. En calquera
caso, no documento asinado hoxe especifícanse outras dúas posibilidades:
rehabilitar un edificio equivalente ou a construción dunha sede de nova planta.
Programa Marco
Xa por
último, o convenio detalla as condicións do Programa
Marco para a posta en marcha de actuacións de carácter social e ambiental, unha
iniciativa dotada con 3 millóns de euros. Con este investimento,
desenvolveranse accións baseadas en valores como a sustentabilidade, a
eficiencia enerxética, a igualdade de oportunidades, a formación para o
emprego, o emprendemento ou a investigación.
O documento
recolle nominalmente dous destes proxectos: o programa Talento, que disporá de 215.000 euros ata 2019 e que buscará
descubrir e fomentar novos talentos na zona; e o Emprende Boa Vila para o impulso de iniciativas emprendedoras, ás
que destinará 150.000 euros.
De todos os
xeitos, unha comisión de seguimento encargarase de velar polo cumprimento do
convenio e decidirá cales son as actuacións ás que se destinarán estes 3
millóns do Programa Marco.
Así mesmo, a
maiores dos investimentos xa sinalados, o convenio tamén recolle un orzamento
dun millóns de euros para a construción dun campo de fútbol no entorno de
Lourizán.
En
definitiva, o acordo asinado hoxe
constitúe unha folla de ruta con compromisos e orzamentos concretos, que van
contribuír ao desenvolvemento económico e social da comarca da Pontevedra.
Pacto Ambiental
O convenio
desenvolve varios puntos fundamentais do Pacto ambiental ratificado o mes
pasado, que compromete 200 millóns para os próximos catro anos para beneficiar
especialmente a Pontevedra e á súa comarca, pero tamén a outros puntos de
Galicia.
No acordo
asinado hoxe non se inclúen compromisos que si figuraban no Pacto. Estes
compromisos mantéñense e vanse levar a cabo, pero non precisan desta fórmula
xurídica para formalizarse, como poden ser os 30 millóns de investimento para
mellorar a eficiencia do complexo industrial; ou a construción e posta en
marcha dun novo centro de coxeneración de biomasa, así como de tres novos
centros de bioenerxía en distintos puntos de Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario