A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE SALIENTA O INCREMENTO DO 3,2% NA PARTICIPACIÓN DOS CIDADÁNS NA CAMPAÑA DE DOAZÓN VERÁN 2016 - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

lunes, 17 de octubre de 2016

A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE SALIENTA O INCREMENTO DO 3,2% NA PARTICIPACIÓN DOS CIDADÁNS NA CAMPAÑA DE DOAZÓN VERÁN 2016



  • Grazas á colaboración dos cidadáns foi posible  manter en niveis axeitados as reservas de todos os grupos sanguíneos
  • Preto de 28.800 cidadáns doaron sangue entre os meses de xullo a setembro nunha iniciativa que se desenvolveu baixo o lema “Súmate. Doa sangue”

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), quere amosar o seu máis sincero agradecemento aos 28.573 cidadáns que doaron sangue na campaña desenvolvida baixo o lema “Súmate. Doa sangue”, que tivo lugar entre os pasados meses de xullo a setembro. ADOS salienta que esta cifra supuxo un incremento do 3,2% na participación con respecto ao mesmo período do ano anterior.

Esta elevada participación permitiu manter en niveis axeitados as reservas de todos os grupos sanguíneos, nunha época do ano na que, tradicionalmente, diminúe entre un 10 e un 15% a participación nas campañas de doazón de sangue, por mor das vacacións estivais. Ademais, os períodos vacacionais coinciden cun incremento das urxencias hospitalarias debido ao aumento dos accidentes por estrada, aínda que a excelente resposta dos cidadáns permitiu o desenvolvemento da actividade hospitalaria con total normalidade.

Novos doadores
Unha circunstancia especialmente salientable foi que o 6,5% das persoas que doaron entre xullo e setembro o facían por primeira vez. Un total de 1.846 persoas sumábanse a base de doadores de sangue de Galicia, un 13% máis que no mesmo período do ano 2015.

A  Axencia de Doazón de Órganos e Sangue desexa transmitir a todos os cidadáns que acudiron a doar sangue o seu sincero recoñecemento, que tamén quere facer extensivo ás corporacións municipais que tomaron parte activa na campaña “Súmate. Doa Sangue”, mediante o desenvolvemento de campañas especiais de doazón nos seus respectivos concellos e levando a cabo a distribución de información vencellada con este xesto solidario.

Unha necesidade constante
ADOS quere lembrar que todos os días do ano, os hospitais galegos precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue polo que as unidades móbiles do Centro de Transfusión de ADOS continuarán percorrendo Galicia na procura da solidariedade dos cidadáns. Así mesmo, ata finais do vindeiro novembro, continuará a desenvolverse a campaña de doazón que achega este xesto altruísta a centros docentes universitarios e non universitarios de Galicia.

Para obter máis información sobre onde doar ou resolver calquera dúbida relacionada co solidario xesto da doazón, o Centro de Transfusión de ADOS dispón dun teléfono gratuíto 900 100 828 e unha páxina web: ados.sergas.es

No hay comentarios:

Publicar un comentario