A
cesión, de balde, é por 5 meses e inclúe programas de asesoramento persoal,
cursos de formación, acceso aos laboratorios e a outros servizos promovidos
pola Deputación de Pontevedra
As iniciativas
empresariais interesadas en participar poderán solicitar a súa praza na páxina
web https://www.eoi.es/es/espacios-coworking/pontevedra
A Deputación de Pontevedra e a Escola de Organización
Industrial (EOI) lanzan a primeira convocatoria para a solicitude dos espazos
de coworking do Viveiro de empresas de Barro-Meis, que dará cabida a entre 16 e
22 proxectos emprendedores da provincia. A través desta convocatoria as e os
beneficiarios disporán dun espazo de
traballo gratuíto durante 5 meses así como dun programa de asesoramento
personalizado impartido por persoal experto, formación para potenciar as
competencias en emprendemento e en xestión de proxectos e acceso aos
laboratorios de fabricación dixital que se atopan no mesmo centro. Esta
iniciativa está cofinanciada polo Fondo Social Europeo e representa un
investimento global de 800.000 euros.
Os proxectos seleccionados seguirán un proceso de
asesoría personalizada de 40 horas por parte de persoal experto de recoñecido
prestixio. O asesoramento ten por obxectivos acompañar aos emprendedores dende
o deseño do modelo de negocio ata a súa posta en marcha e a optimización do
proxecto, dando resposta ás necesidades que aparezan no camiño.
Ademais, desenvolveranse máis de 60 horas de formación
especializada en diversas temáticas que se tratarán en obradoiros e sesións
formativas grupais para potenciar as competencias en emprendemento e en xestión
de proxectos. Os cursos abordarán por exemplo a consolidación e validación do
modelo de negocio seguindo a metodoloxía "Lean Startup", as habilidades
e ferramentas para o emprendemento ou materias específicas para o impulso e
despegue do proxecto empresarial.
Por outro lado, celebraranse diferentes actividades
encamiñadas a potenciar o networking e compartir boas prácticas, contando coa
experiencia doutras iniciativas emprendedoras, persoas expertas e empresariado.
Como peche a cada unha das edicións, celebrarase un Demo Day durante o cal se
presentarán os proxectos participantes no espazo coworking, a súa evolución e
as posibilidades de colaboración cos mesmos.
As e os participantes no coworking terán acceso tamén de
maneira gratuíta ao novo FabLab (Laboratorio de Fabricación Dixital) da
Deputación de Pontevedra, que estará situado no mesmo espazo do viveiro de
Barro-Meis, e onde se contará con equipamento de fabricación dixital
(impresoras 3D, escáneres 3D, kits de Arduino, fresadora de madeira, soldadores
de electrónica, material electrónico diverso, utillaxe, etc.). Nestes
laboratorios desenvolveranse unha completa programación de talleres específicos
de fabricación dixital para promover o coñecemento e uso desta tecnoloxía.
Desta maneira, calquera emprendedor ou emprendedora que o precise, poderá
experimentar e prototipar o seu deseño nestas innovadoras instalacións.
As iniciativas empresariais interesadas en participar
nesta convocatoria poderán cursar as súas solicitudes na páxina web https://www.eoi.es/es/espacios-coworking/pontevedra. Unha vez
rematados os 5 meses, estas iniciativas empresariais terán a oportunidade de
solicitar unha praza no viveiro de empresas de Barro – Meis, de xeito que
poderán continuar a súa actividade sen apenas desprazarse.
O obxectivo principal do coworking é fomentar o
emprendemento e aumentar as posibilidades de éxito dos proxectos emprendedores
que participen nestes espazos compartidos nun período limitado de tempo,
identificando os proxectos con máis potencial de desenvolvemento. Desta forma,
a EOI e a Deputación de Pontevedra buscan que os proxectos participantes poidan
incorporarse en aceleradoras e cubrir así a seguinte fase no desenvolvemento
das súas empresas.
O viveiro
de empresas de Barro-Meis dispón dun espazo de coworking de 125 metros
cadrados, que conta con postos de traballo, unha zona para descanso e
networking, e unha sala de reunións.
No hay comentarios:
Publicar un comentario