O conselleiro de Sanidade presidiu o acto de
conmemoración do XX Aniversario das UVIs móbiles do Sergas
- A súa implantación supuxo un cambio no modelo da asistencia ás urxencias e emerxencias na comunidade autónoma
- O número de pacientes atendidos por estas unidades aumentou nun 56% entre o ano 1997 e 2016
- O 061 é un dos servizos de asistencia sanitaria mellor valorados polos cidadáns
As
ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado que forman parte da Rede de
Transporte Sanitario Urxente de Galicia-061 atenderon a máis de 267.900 persoas
desde que comezaron a prestar asistencia ás emerxencias sanitarias na Comunidade
Autónoma de Galicia, hai agora vinte anos.
Co gallo
desta celebración, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, salientou
que a implantación destas unidades supuxo achegar os recursos sanitarios máis
avanzados aos doentes. Isto permitiu modificar a asistencia e prognóstico de
enfermidades como a morte súbita de orixe cardíaco ou a síndrome coronaria
aguda, que na actualidade presentan resultados comparables aos sistemas
sanitarios máis avanzados do mundo. Este feito é especialmente destacable,
observou, se se ten en conta a complexidade da asistencia en Galicia, derivada
da súa orografía e da súa dispersión xeográfica.
Neste
sentido, as unidades de soporte vital avanzado están á disposición de todos os
galegos para calquera patoloxía que precise unha asistencia inmediata e
eficiente, destacou o conselleiro. De feito, desde a súa implantación, o número
de pacientes atendidos aumentou nun 56% entre os anos 1997 e 2016. Así, o número de persoas atendidas
pasou de 13.457 no ano 1997 a 18.140 ao longo de 2016.
Do mesmo
xeito, obsérvase un aumento no número de mobilizacións, xa que das 13.709
realizadas no ano 1997 pasouse a 19.039 en 2016, o que supón un incremento do
39%.
Respecto das
patoloxías atendidas por estes recursos asistenciais, o pasado ano as máis
habituais foron as alteracións da consciencia, co 29%; seguidas pola dor
torácica, co 19%; os problemas respiratorios, co 9%; as convulsións, co 7%; e
os accidentes de tráfico, cun 4% das asistencias.
Evolución
do servizo
O 1 de xullo
de 1997 a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 incorporou á
súa rede de transporte sanitario urxente oito ambulancias asistenciais de
soporte vital avanzado con base nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela,
Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Sanxenxo (esta última só durante a
época estival). En 2005 foron incorporadas dúas unidades máis nas cidades da
Coruña e Mos, ás que se sumou no ano 2010 a situada en Foz.
A día de
hoxe, a rede de transporte sanitario urxente xestionada polo 061 está integrada
por dous helicópteros sanitarios, once ambulancias asistenciais de soporte
vital avanzado e 106 ambulancias asistenciais de soporte vital básico, que
garanten a prestación da asistencia sanitaria urxente na comunidade.
Segundo lembrou
o conselleiro de Sanidade, Urxencias Sanitarias de Galicia-061, encargado de
prestar atención ás urxencias e ás emerxencias extrahospitalarias na comunidade
galega as 24 horas, os 365 días do ano, é un dos servizos de asistencia
sanitaria mellor valorados polos cidadáns.
No hay comentarios:
Publicar un comentario