§ Os concellos con áreas declaradas
dispoñen dun mes para solicitar a súa participación no reparto dos fondos
§ Súmanse aos máis de 2,9 millóns
destinados á ARI dos Camiños de Santiago
A Xunta de Galicia destinará máis de seis millóns de euros ás
actuacións de rehabilitación de vivendas e edificios de vivendas, urbanización
e reurbanización nas áreas de rehabilitación integral (ARI) existentes en
Galicia. Con tal fin, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde
pola que se procede a abrir o prazo para solicitar a participación na prórroga
do programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan estatal 2013-2016, que
se executa a través das ARI. Para obter máis información pódese consultar o
seguinte enlace:https://goo.gl/k5Kzes.
Neste momento, ábrese un prazo dun mes
para que os concellos que teñen unha ou máis ARIs no seu ámbito municipal
soliciten a súa participación no reparto dos fondos destinados ás ARI en 2017.
Os concellos deberán presentar unha solicitude por cada unha das ARI que
desexen incluír no reparto de fondos, indicando as contías que estiman poden
executar nos prazos establecidos.
En función das solicitudes presentadas
polos concellos con áreas de rehabilitación declaradas, a Xunta realizará o
reparto dos fondos dispoñibles, que acadan un total de máis de 6 millóns de euros.
Despois do reparto, asinaranse acordos
específicos cos municipios participantes, que deberán realizar as súas propias
convocatorias para que os propietarios de vivendas interesados poidan solicitar
as axudas, financiadas con fondos autonómicos e estatais.
Bases
A Orde inclúe as bases polas que se rexerá
a concesión das axudas, ás que poderán optar os propietarios de edificios de
vivendas ou de vivendas individuais, as comunidades de propietarios e as súas agrupacións, os
consorcios e os entes asociativos de xestión. Nestes casos as axudas irán
destinadas á rehabilitación das vivendas e edificios de vivendas.
Tamén poderán beneficiarse das axudas os
propios concellos para actuacións de urbanización e reurbanización do ámbito
das ARI e para as oficinas municipais de rehabilitación, que tamén serán
financiadas pola Xunta. As axudas de carácter estatal, cun límite do
35% do orzamento, son as seguintes:
• Ata 11.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación.
• Ata 30.000 euros por cada vivenda construída en substitución de outra
previamente demolida.
• Ata 2.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación e/ou por
cada vivenda construída en substitución doutra previamente demolida para as actuacións
de mellora da calidade e sostenibilidade do medio urbano (obras de urbanización
o reurbanización do ámbito).
• Ata 4.000 euros anuais, por unidade de convivencia a realoxar, durante
o tempo que duren as obras e ate un máximo de 3 anos, para as actuacións de
realoxo temporal.
• Ata 500 euros por vivenda rehabilitada ou construída en substitución
doutra demolida, para financiar o custe dos equipos e oficinas de planeamento,
de información, de xestión e de acompañamento social.
Polo que respecta ás axudas autonómicas son:
• Ata 4.000 euros por vivenda obxecto da actuación de rehabilitación, sen
que a subvención poida exceder do 10 % do orzamento protexido de rehabilitación
da vivenda ou do edificio.
• Ata 1.500 euros por vivenda rehabilitada ou construída en substitución
de outra demolida, para financiar o custe dos equipos e das oficinas de
planeamento, de información, de xestión e de acompañamento social.
Área de rehabilitación dos Camiños de
Santiago
Esta
convocatoria non inclúe a área de rehabilitación integral
dos Camiños de Santiago, xestionada directamente pola Consellería de
Infraestruturas e Vivenda e non polos concellos. Nesta ARI dos Camiños de
Santiago, xa está aberto o prazo para a presentación de solicitudes por parte
dos propietarios de vivendas interesados nas axudas, xa que a Orde que as regula foi publicada no DOG o pasado 14
de xuño.
O Goberno galego destinará máis de 2,9
millóns de euros ás axudas de rehabilitación de vivendas e edificios de
vivendas no marco da ARI dos Camiños de Santiago. O importe máximo da axuda
será de 15.000 euros por vivenda, dos que 11.000 serán de financiamento estatal
e non poderán superar máis do 35 % do orzamento e 4.000 de financiamento
autonómico, co límite do 10 por cento do orzamento.
As persoas interesadas en acceder ás
axudas da ARI dos Camiños de Santiago poderán solicitalas ata o 30 de novembro
de 2017, salvo que se esgote antes o crédito orzamentario. Para poder ser beneficiarios desta axuda deberán estar
en posesión da cualificación definitiva da actuación conforme ao sinalado na
Orde de 22 de decembro de 2015 (DOG. nº 246, do 28 de decembro)
Actualmente, Galicia conta con 69 áreas de
rehabilitación integral declaradas en 41 concellos ademais da ARI dos Camiños
de Santiago, que comprende 445 parroquias de 107 concellos das catro provincias
galegas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario