AREEIRO SINALA O “MOI BO” ESTADO XERAL DA UVA MAIS ADVIRTE DO INCREMENTO DE RISCO POR BOTRITE ATA A VENDIMA - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

martes, 25 de julio de 2017

AREEIRO SINALA O “MOI BO” ESTADO XERAL DA UVA MAIS ADVIRTE DO INCREMENTO DE RISCO POR BOTRITE ATA A VENDIMA




Os técnicos subliñan a necesidade de tratamento nos marmeleiros e insisten na necesidade de retirar os restos das colleitas de hortícolas das fincas para evitar danos na vindeira tempada  
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de indicar no seu último aviso fitopatolóxico que o estado xeral das uvas nas fincas da provincia é, en xeral, “moi bo”. Sen embargo, advirte que aínda que a sensibilidade os acios ao Mildeu e ao Oidio desaparece dende o pintado da uva, vai aumentar a susceptibilidade á botrite (podredume), que será a enfermidade que representará un maior risco ata a vendima.
Na visita ás fincas da provincia nesta semana os técnicos advertiron unha estabilidade xeral con respecto aos patóxenos, sen embargo detectaron un pequeno incremento no número de esporas de Mildeu debido á existencia de néboas densas e persistentes e temperaturas nocturnas aínda elevadas. Segundo sinalan, é previsible que baixe o risco de infección, mais recomendan facer unha nova aplicación naquelas viñas que estean fóra do periodo de cobertura do tratamento anterior cun produto cúprico para protexer a vexetación e os posibles danos nos acios que non acadaron o pintado.  En canto ao Oidio, apenas se teñen detectado sinais do fungo nas fincas do Salnés, se ben recomendase manter a vixilancia aínda que non se agardan ataques significativos.
Maceiras
Por outra parte, en relación ás maceiras, continúa a haber síntomas de moteado, e a choiva pode favorecer a aparición de nova sintomatoloxía naquelas fincas onde xa se detectara o fungo. Hai que lembrar que ata o momento da colleita poden producirse danos nas mazás e que en caso de tratar hai que respectar estritamente o prazo de seguridade do funxicida elixido.
Así mesmo, a estas alturas do verán xa se poden observar en moitas zonas danos causados por paxaros ao alimentarse. Os técnicos advirten que nas feridas que xeran poden, en condicións de humidade, instalarse fungos oportunistas como a botrite, que terminan dispersándose pola árbore e afectando a boa parte da froita.
Marmeleiros e hortícolas en recolección
En relación aos marmeleiros, dende a EFA advírtese que en moitas fincas con pés destas árbores está a incrementarse a presenza de follas co micelio do patóxeno do Oidio, polo que se o número de follas afectadas é importante haberá que aplicar un tratamento.
Tamén na maioría das zonas da provincia con estas árbores hai una forte presenza de follas coas manchas características do fungo Entomosporium maculatum, que pode causar defoliación e polo tanto comprometer a maduración dos froitos. Por este motivo, os técnicos consideran  necesario aplicar un tratamento (entre os fitosanitarios que se poden empregar están o clortalonil ou a dodina).
Finalmente, dende Areeiro sinálase que naqueles cultivos como o tomate ou a pataca onde se están a levantar plantas pola colleita é preciso eliminar todos os restos das fincas, pois poden albergar a diferentes pragas que afectarán ás plantas do ano próximo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario