Para
acceder a estes estudos, é preciso posuír o título de graduado escolar ou
equivalente, e as persoas interesadas poden anotarse ata o 13 de setembro
A Escola de Cantería da Deputación
de Pontevedra abre este luns 3 de xuño o prazo de inscrición para acceder aos
estudos de cantería, un prazo que rematará o 13 de setembro. As persoas
interesadas só teñen que cubrir un formulario dispoñible na páxina web da
Escola, escoladecanteria.depo.gal.
Posteriormente, do 16 ao 27 de setembro, terán que formalizar a matrícula achegando
toda a documentación necesaria.
Para acceder aos estudos
de cantería é necesario posuír un título de graduado escolar ou equivalente.
Son tres anos de formación teórica, pero sobre todo práctica, e hai 25 prazas
dispoñibles para cada curso. Os ámbitos
profesionais futuros ao rematar os estudos céntranse sobre todo na construción,
na escultura, na restauración e na rehabilitación.
Os estudos que realizan
as alumnas e alumnos na Escola de Cantería son eminentemente prácticos e
supoñen a realización de múltiples obras e traballos durante o tempo de
formación. Moitas destas obras, como cruceiros, monólitos, conxuntos
escultóricos, bustos, peanas ou construcións arquitectónicas rematan en lugares
de toda Galicia, de toda España e tamén do estranxeiro, como en Brasil, México,
Arxentina, Panamá ou Portugal. Ademais,
antigos alumnos e alumnas da Escola chegaron a traballar en sitios emblemáticos
de todo o mundo, coma na restauración do Capitolio de Washington e do barrio de
Chiado de Lisboa, así como actuacións de rehabilitación da Catedral de
Santiago, de Westminster en Londres e de construción da Sagrada Familia de
Barcelona.
No hay comentarios:
Publicar un comentario