AREEIRO ACONSELLA RENOVAR O TRATAMENTO DAS VIÑAS FRONTE AO MILDIO ENGADINDO TAMÉN UN FUNXIDIDA CONTRA O OÍDIO - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

sábado, 1 de junio de 2019

AREEIRO ACONSELLA RENOVAR O TRATAMENTO DAS VIÑAS FRONTE AO MILDIO ENGADINDO TAMÉN UN FUNXIDIDA CONTRA O OÍDIO






O persoal técnico destaca o bo crecemento dos gromos fronte á semana anterior e as grandes diferencias entre os acios segundo zonas e parcelas

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) vén de aconsellar no seu aviso fitosanitario deste venres a renovación do tratamento das viñas fronte ao Mildio, aproveitando para engadir  tamén na aplicación un funxicida contra o Oídio dadas as condicións favorables para a infección. Por outra banda, o persoal técnico subliña que na última semana se produciu un crecemento significativo dos gromos fronte a anterior e que, en canto aos acios, hai diversidade de estados incluso na mesma viña, con plantas con acios ou botóns xa separados, outras con grans formados e outras en flor.

A técnica Rosa Pérez lembra que a información aportada nos avisos fitosanitarios semanais baséase no observado nas parcelas de seguimento, noutras dos percorridos e tamén nos datos que aporta outro persoal técnico e viticultor, e subliña que sempre convén confirmar a situación particular de cada finca xa que pode haber diferencias mesmo locais. “A nosa aportación debe ser considerada máis ben como unha referencia ou orientación que axude a unha mellor xestión dos cultivos”, afirma.

Pérez destaca que a última semana comezaron a aparecer timidamente manchas de Mildeu en novos crecementos sen protexer ou con tratamentos mal aplicados sobre as viñas, o que tornou nunha maior presenza dos síntomas polas condicións climatolóxicas en diferentes zonas da provincia. Debido a isto, se aínda non se renovou o tratamento aconséllase facelo o antes posible. Por outra banda, dado que a floración é un período no que convén protexer a viña fronte ao Oídio e houbo condicións moi favorables á infección, tamén é axeitado engadir xa un funxicida antioídio aos tratamentos previstos para o Mildio.

Convén tamén comezar a estar alerta pola botrite, seguir a vixilancia do Black Rot e dos ácaros, lembrando que non se deben tratar con acaricidas a menos que se confirme a súa presencia, coa finalidade de conservar as poboacións de ácaros fitoseidos, reguladores naturais dos ácaros praga.

Frotieiras e outras árbores
O aviso fitosanitario da EFA lembra a importancia de non descoidar a protección das maceiras, especialmente daquelas de variedades máis sensibles, fronte ao moteado, xa que en diversas comarcas e sobre diferentes variedades atópanse síntomas da enfermidade, situación favorecida sen dúbida pola elevada humidade das horas nocturnas e primeiras horas da mañá dos últimos días. Tamén é importante actuar contra o Oídio nas maceiras e, se só hai uns poucos gromos afectados, cortalos e destruílos para frear o avance da enfermidade.

En canto aos pulgóns, é bastante xeneralizada a presenza de colonias de  pulgón verde que non produce danos á froita (só ás follas dos gromos terminais), mais se as plantas son pequenas ou se plantaron con interese ornamental é conveniente aplicar un tratamento antes do enrolado total das follas. Tamén é conveniente protexer as árbores contra as couzas da mazá de maneira continua para evitar danos aos froitos se non se instalaron trampas, xa que a pesares de non ter recollido exemplares nesta semana a presenza desta praga pode variar en curtas distancias.

Finalmente, en canto ás camelias téñense detectado colonias de pulgóns sobre os gromos máis tenros, polo que se aconsella ‘pinzar’ ou eliminar eses gromos para evitar que se incrementen as poboacións.
    

No hay comentarios:

Publicar un comentario