Advirten
que a partires de agora a viña da provincia entra na fase máis crítica para a
aparición e proliferación desta enfermidade
Aconsellan, ademais, vixiar a
aparición de acariose, praga que xa detectaron puntualmente en viñas do Rosal
A
Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA)
aconsella no seu aviso fitosanitario semanal que, a partires de agora, calquera
intervención antimildio que se faga nas viñas da provincia vaia acompañada dun
produto fronte ao fungo do oídio. Os técnicos realizan esta recomendación
despois de detectar novos síntomas da enfermidade en dúas follas dunha viña na
que non se fixeran aínda tratamentos fronte ao fungo, e tamén nun acio
“rebusco” dunha viña moi vigorosa onde a elevada masa foliar impedira a
correcta penetración dos produtos. Aínda
que no resto de fincas de seguimento non se detectou, desde a EFA lembran que a
partires de agora a viña da provincia entra nun dos momentos máis críticos en
relación a esta enfermidade.
En
relación ao mildio, e ante a posibilidade de precipitacións esta noite e nos
primeiros días da vindeira semana, sumada
á previsión do aumento das temperaturas nocturnas, recomendan estar alerta
naquelas viñas nas que estea a piques de cumprirse o prazo de protección dos
anteriores tratamentos. A técnica Rosa Pérez indica que coa maioría das viñas
dentro do período de protección dos produtos aplicados a semana pasada, non
debería haber problemas serios naquelas nas que non houbo apenas síntomas ata
agora, aínda que haberá que estar alerta onde aínda se observen síntomas non
ben controlados. Lembra tamén que se as
temperaturas mínimas son compatibles con infeccións secundarias, será
conveniente renovar a intervención o antes posible. Tamén fai recomendacións de
carácter cultural para que naquelas fincas que haxa un exceso de vexetación que
impida a boa penetración dos funxicidas, é conveniente facer labores de
eliminación dos gromos non produtivos ou pouco produtivos, así como despuntes e
mesmo xa algunha esfolla suave que expoña os acios aos tratamentos e facilite a
súa aireación e insolación.
Por
último, no relativo ao mildio, indica que se está a observar que nalgunha das
viñas afectadas por esta enfermidade, ou nas que a enfermidade non está
perfectamente controlada, son todas viñas que foran tratadas nalgunha ocasión
nesta campaña en días con ventos incompatibles cunha boa protección, ou con
maquinaria non ben calibrada e que, nesas circunstancias, os tratamentos non
puideron frear a infección e os síntomas foron acumulándose desde entón.
Tamén
no referente á viña, o aviso fitosanitario informa que se observaron picaduras
en dúas follas dunha planta da comarca do Rosal, sospeitosas da aparición da
acariose, que se confirmou posteriormente no laboratorio. Son os primeiros
individuos desta praga na campaña, segundo os datos dos que dispón a EFA, polo
que recomendan incrementar a vixilancia.
Nos
demais cultivos, destaca o incremento do oídio na cepa de carballo e no plátano de sombra, e en
árbores froiteiras como a maceira e o marmeleiro. No caso no que se detecte que
o número de follas afectadas é importante recomendan a aplicación de
tratamento.
Nota: Os medios que precisen máis información ou imaxes
dos patóxenos poden utilizar, citando a súa procedencia, os documentos e
gráficos existentes na páxina web da EFA (https://areeiro.depo.gal/avisos-fitosanitarios). As radios e tv
poden contactar coa técnica Rosa Pérez Otero para tomar audios e vídeos do presente aviso
fitopatolóxico.
Pontevedra, 14 de
xuño de 2019
Saúdos
Gabinete de
Comunicación
No hay comentarios:
Publicar un comentario