Indica
que as probabilidades de choiva para os vindeiros días, acompañadas de
temperaturas nocturnas suaves, son moi propicias para a propagación de ambos
fungos
A
Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA)
aconsella no seu aviso fitosanitario semanal que, ante a climatoloxía prevista
para os vindeiros días, é necesario renovar os tratamentos contra o fungo do
mildio e tamén do oídio. O equipo técnico da EFA indica que a práctica
totalidade de axencias meteorolóxicas están a anunciar unha climatoloxía
inestable, con probabilidades de choiva, moi especialmente o domingo, e con temperaturas
nocturnas suaves, e lembran que precisamente estas son as condicións idóneas
para a propagación do fungo do mildio. Ademais de aconsellar renovar as
intervencións contra esta enfermidade con carácter xeral, tamén indican que
naquelas viñas que a renovación do tratamento se fixera xa nos últimos días, será
necesario verificar a eficacia do tratamento.
Ademais, insisten
en que, con esta climatoloxía, é primordial combinar os tratamentos coas
prácticas de cultivo tendentes a manter unha boa ventilación nos viñedos, e
mencionan o control da vexetación “sobrante” das viñas e da do solo. Sobre a
aplicación dos tratamentos, recomendan realizalos en condicións adecuadas,
procurando recubrir ben a vexetación e os acios, para o que é preciso unha
adecuada regulación dos atomizadores.
En canto ao oídio,
informan que se volveron encontrar novos síntomas do patóxeno en dúas parcelas
da zona da IXP Ribeiras do Morrazo, aínda que aclaran que de escasa incidencia.
Os síntomas estaban localizados na folla, non en acio, pero desde a EFA lembran
que este é un dos períodos nos que este fungo soe xerar problemas o que, unido
á previsión climática, fai necesario coidar os tratamentos e, ao igual que no caso do mildio,
acometer labores culturais que favorezan a aireación dos acios.
No caso da
acariose, desde a EFA informan que esta semana foron encontrados os primeiros
síntomas, confirmados no laboratorio, de acariose en dúas viñas -unha
abandonada, outra tratada- da IXP Ribeiras do Morrazo, que veñen sumarse aos atopados a semana pasada en
viñas de O Rosal. Polo momento, desde Areeiro consideran estes casos como
puntuais. Tamén están constatando un aumento no número de follas novas
afectadas nos gromos máis tenros por erinose, pero os técnicos insisten en que
non hai que tratar esta praga, por moito que o síntoma sexa evidente.
Nota: Os medios que precisen máis información ou imaxes
dos patóxenos poden utilizar, citando a súa procedencia, os documentos e
gráficos existentes na páxina web da EFA (https://areeiro.depo.gal/avisos-fitosanitarios). As radios e tv
poden contactar coa técnica Rosa Pérez Otero para tomar audios e vídeos do presente aviso
fitopatolóxico.
Pontevedra, 21 de
xuño de 2019
Saúdos
Gabinete de
Comunicación
No hay comentarios:
Publicar un comentario