§ Román Rodríguez
presentou a resolución desta convocatoria e subliñou que representa o carácter
“participativo, descentralizado e sustentable” do Ano Santo
§ Na provincia
impulsaranse 19 iniciativas propostas por entes locais, 35 elaboradas por pemes
e particulares e 50 formuladas por entidades sen ánimo de lucro
A
convocatoria aberta de proxectos O Teu
Xacobeo permitirá impulsar 104 iniciativas de dinamización en toda a
provincia de Pontevedra. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e
a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, anunciaron esta mañá a resolución
deste proxecto que conta cun investimento de
case 1,5 millóns de euros por parte da Xunta e que permitirá mobilizar
máis de 2,7 millóns de euros na provincia ao longo deste 2019 e ata abril do
2020.
En Galicia serán 352 as iniciativas de dinamización,
que supoñen a mobilización de cerca de 9 millóns, e un investimento en
subvencións por parte da Xunta de Galicia de 4,7 millóns de euros.
O conselleiro de Cultura e Turismo subliñou a “gran
acollida” desta iniciativa, impulsada co obxectivo de implicar e fomentar a
participación de todos os axentes da sociedade no deseño do próximo Xacobeo 21.
De feito, Román Rodríguez destacou que se recibiron a nivel galego un total de
652 propostas nas tres liñas de axuda abertas e lembrou que a gran afluencia de
solicitudes levou a ampliar o investimento destinado a este proxecto, pasando
dos 2 millóns iniciais a un total de 4,7. “Trátase da convocatoria de
concorrencia competitiva aberta á sociedade máis importante da historia de
Galicia”, resaltou o conselleiro de Cultura e Turismo.
No caso da primeira liña de axudas, destinada a
proxectos formulados por entidades locais (concellos galegos, mancomunidades,
consorcios locais ou deputacións), impulsaranse na provincia de Pontevedra un
total de 19 proxectos de 16 concellos que contarán cun investimento de algo
máis de 218.000 euros. A meirande parte destas iniciativas permitirán mobilizar
recursos locais, fomentarán a innovación e o uso das TIC e farán especial
énfase na promoción de artistas ou creadores galegos.
A segunda das liñas favorecerá a posta en marcha de
35 iniciativas propostas por 13 pemes e particulares nas que se investirán case
579.000 euros en proxectos centrados no desenvolvemento rural, o impulso de
talento emerxente ou o fomento da igualdade. Por último, a terceira das liñas
permitirá que boten andar 50 propostas de 12 entidades públicas ou privadas sen
ánimo de lucro e contará cun orzamento de 670.000 euros. “Confiamos en que esta
iniciativa sentará as bases dun Xacobeo que sintan como propio todos e cada un
dos galegos”, recalcou Román Rodríguez.
Cinco
ámbitos de actuación
O conselleiro de Cultura e Turismo recalcou que O Teu Xacobeo representa o carácter
“participativo, descentralizado e sustentable” do próximo Ano Santo polo que
aposta a Xunta. De feito, Román Rodríguez celebrou que a posta en marcha dos
diferentes proxectos permitirá ampliar a repercusión da celebración, anticipando
e levando a súa influencia máis alá do 2021, ao tempo que se avanza na súa
“descentralización”, implicando a todos os concellos de Galicia. “O Xacobeo non
pode ser un proxecto duns poucos, senón un proxecto participativo”, destacou.
As iniciativas seleccionadas abranguen un total de
cinco áreas: o ámbito artístico,
patrimonio-historia-pensamento-espiritualidade, gastronomía, ámbito deportivo e
ámbito social. O
ámbito artístico comprende toda unha serie de disciplinas como artes visuais,
arquitectura, deseño, cultura dixital, moda, cinema e documental, todo tipo de
músicas, artes escénicas, literatura e libro. No eido do patrimonio, historia,
pensamento e espiritualidade terán cabida foros de reflexión, encontros,
publicacións, estudos, etc.
En
canto a área gastronómica, inclúense experiencias e actividades de elevado
valor engadido, que contribuirán a dar a coñecer e gozar do patrimonio
enogastronómico de Galicia achegando a visitantes e locais unha parte das
tradicións, oficios, cultura, historia e identidade territorial, así como a
promoción de produtos con denominación de orixe ou indicacións xeográficas.
No
ámbito deportivo realizaranse eventos de distintas disciplinas deportivas.
Inclúense actividades dirixidas e ao aire libre como camiñadas ou rutas
organizadas e tamén disciplinas relacionadas co benestar e o gozo respectuoso
da natureza. Por último, o ámbito social contempla proxectos relacionados coa
defensa dos dereitos humanos ou vinculados a colectivos vulnerables.
No hay comentarios:
Publicar un comentario