É
preciso aumentar a vixilancia de síntomas de Black Rot, xa que as viñas están
nunha fase sensible, e comprobar as roturas de pólas e podremias tras o paso da
cicloxénese Miguel
É
preciso renovar tamén as aplicacións contra o Mildio nas patacas e tratar os
kiwis contra as bacterioses cando remate o periodo de floración
A Estación Fitopatolóxica de
Areeiro (EFA) aconsella renovar o antes posible os tratamentos contra o Mildio
usando funxididas de acción preventiva e curativa. Tamén destaca a necesidade
de aumentar a vixilancia sobre os síntomas de Black Rot pola especial
sensibilidade das viñas a esta enfermidade, e comprobar as podremias tras as
roturas de pólas derivadas dos ventos da cicloxénese Miguel.
Segundo indica a técnica R0sa
Pérez, esta semana produciuse un aumento do Mildio, xa que as condicións
climatolóxicas xa foron favorables ao fungo desde o domingo, observándose
manchas vellas con zona de avance e esporulación e, nas fincas máis fortemente
afectadas por unha infección anterior, acios co micelio do fungo. Tendo en
conta as previsións do tempo, e a pesares de que moitos viticultores
aproveitaron para tratar entre martes e mércores, indícase que é preciso comprobar
o estado das fincas e verificar que as aplicacións foron eficaces e renovalas o
antes posible - en canto mellore a climatoloxía- usando funxicidas de acción
preventiva e curativa.
En canto a outras enfermidades,
o persoal técnico aconsella incrementar a vixilancia dos síntomas de Black Rot,
debido á presencia de certo incremento de follas afectadas. Tamén se advirte da
necesidade de controlar a existencia de roturas de pólas das vides producidas
polos ventos da cicloxénese Miguel, observando se hai instalación de
podre. Non hai que esquecer, así mesmo,
que os órganos secos afectados polo Mildio e os capuchóns florais aínda non
desprendidos poden ser o substrato ideal para que se instale a botrite se é que
se mantén unha humidade elevada.
No relativo ás maceiras, Areeiro aconsella tratar en
canto se poida as árbores contra o moteado, así como instalar trampas parra
controlar as couzas da mazá. Pérez indica que é axeitado agardar a unha
regulación natural de poboacións de pulgóns no caso de que exista parasitismo,
e tamén a ver se as mazás caídas no chan con danos por sarabia, ventos ou
paxaros presentan fungos, sendo necesario eliminar os froitos que existan nese
estado xa que poden servir de zona de posta para as moscas da froita que atacan
a diferentes especies.
Dado que nesta primavera
estanse a alternar períodos moi húmidos con outros secos e soleados as plantas
do kiwi non teñen unha situación
homoxénea en canto á floración. Onde xa
sexa maioritario o fin dese período convén facer unha intervención con algún
dos produtos autorizados polo Ministerio para facer fronte ás bacterioses.
Outro dos consellos de Areeiro
é a aplicación de tratamentos nos marmeleiros,
xa que se observa un incremento de síntomas causados polo fungo Entomosporium maculatum (Diplocarpon mespili)
que pode defoliar as árbores. Tamén se sinala a importancia de tratar as patacas contra o Mildio ante a elevada
humidade que levamos sufrida desde o domingo, que obriga a renovar o antes
posible as aplicacións fronte a esta enfermidade, sempre respectando o prazo de
seguridade dos produtos utilizados nas plantas temperás próximas á colleita.
Finalmente, Rosa Pérez tamén
realiza unha advertencia sobre a antracnose nos plátanos de sombra, xa que debido á climatoloxía desta primavera
(choivas e temperaturas suaves en xeral) obsérvanse síntomas da enfermidade en
moitas árbores. Naqueles casos en que a presenza de síntomas do fungo sexa
elevada, e sobre todo se son árbores novas que poden ver o seu desenvolvemento
comprometido por perder parte da folla, aconséllase aplicar un tratamento.
Nota: Os medios que precisen máis información ou imaxes
dos patóxenos poden utilizar, citando a súa procedencia, os documentos e
gráficos existentes na páxina web da EFA (https://areeiro.depo.gal/avisos-fitosanitarios). As radios e tv
poden contactar coa técnica Rosa Pérez Otero para tomar audios e vídeos.
Pontevedra, 7 de xuño de 2019
Saúdos
Gabinete de comunicación
No hay comentarios:
Publicar un comentario