A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, mantivo esta mañá en Pontevedra un encontro informativo para difundir esta iniciativa
— Trátase de que as persoas maiores transfiran á mocidade a súa experiencia en ámbitos como a recuperación de oficios, a produción agroalimentaria ou a posta en valor tanto do turismo como do patrimonio. Pola súa banda, a xente nova compartirá cos maiores as súas habilidades en campos como o dixital ou o tecnolóxico
— Destinaranse 760.000 euros ao desenvolvemento desta proposta durante os anos 2022 e 2023
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, explicou hoxe a representantes de entidades de acción voluntaria e de concellos da zona de Pontevedra en que consiste o novo programa de voluntariado interxeracional. Fíxoo nun encontro informativo que tivo lugar na sede da delegación territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra.
Cristina Pichel explicou que esta novidosa proposta ten como obxectivo “abrir novas oportunidades de futuro e perspectivas laborais no medio rural para a mocidade”. Con esta finalidade, realizaranse actividades formativas e de intercambio de coñecementos entre a xente maior e a xuventude.
Trátase de que persoas de máis de 55 anos transfiran a súa experiencia e bo facer a mozas e mozos de entre 16 e 35 anos en ámbitos como a recuperación de oficios, a produción agroalimentaria ou a posta en valor do turismo e do patrimonio rural galego. Pola súa parte, a xente nova poderá devolver este coñecemento achegando aos maiores as súas habilidades nos campos dixital ou tecnolóxico, entre outros.
O Executivo autonómico destinará 760.000 euros á posta en marcha deste programa de voluntariado interxeracional, que se desenvolverá durante os anos 2022 e 2023 principalmente en lugares do medio rural. O programa está dirixido a entidades de acción tanto locais como asociativas. Os proxectos deberán estar integrados por grupos interxeracionais e funcionarán por un sistema de parellas, no que cada persoa voluntaria maior de 55 anos encargarase de titorizar a un mozo.
Axudas
A contía da axuda por proxecto será dun mínimo de 15.000 euros e dun máximo de 25.000 euros, atendendo ao número de persoas voluntarias participantes. No caso de presentarse por máis dunha entidade local conxuntamente, entre 36.000 e 60.000 euros respectivamente. As actividades que se desenvolvan no ano 2022 xustifícanse non máis tarde do 16 de decembro de 2022, o resto deberán xustificarse antes do 1 de novembro do ano que vén.
No hay comentarios:
Publicar un comentario