— Todos eles recibirán asesoramento da Consellería de Educación así como unha asignación extraordinaria de ata 2M€ para a posta en marcha dos preto de 1.800 proxectos seleccionados
— Serán exemplo de boas prácticas para o conxunto da comunidade educativa, coa que compartirán metodoloxías e experiencias nos eidos da igualdade, convivencia, inclusión, benestar emocional, competencia matemática, competencia lectora, internacionalización e sostibilidade
Galicia conta este curso cun total de 612 centros educativos que serán referentes no eido da inclusión e outros 351 no de innovación a través do desenvolvemento dun total de 1.773 proxectos educativos (1.122 na modalidade de inclusión e 651 na de innovación pedagóxica). Todos eles pasan a constituír a rede de centros de referencia nos mencionados ámbitos dentro do novo programa de Centros Referentes, unha das seis liñas de acción do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, a estratexia do Goberno autonómico para a transformación e consolidación definitiva do sistema educativo galego.
Concretamente, na convocatoria de Centros Referentes no eido da inclusión desenvolveranse 1.122 proxectos en diferentes modalidades: o reforzo da inclusión, o impulso da igualdade, a mellora da convivencia e a promoción do benestar emocional. En total, na Coruña desenvolveranse 386 proxectos, en Lugo serán 109, en Ourense haberá 119 proxectos e en Pontevedra traballarán sobre 508. Na convocatoria de Centros Referentes no eido da innovación realizaranse 651 proxectos en catro modalidades distintas: matemáticas, lectura, internacionalización e sustentabilidade. En total, na provincia da Coruña desenvolveranse 222 proxectos, na de Lugo serán 54, na de Ourense haberá 48 e na de Pontevedra traballarán sobre 287.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de publicar a resolución de ambas convocatorias, logo de analizar os proxectos de mellora presentados polos centros, que desenvolverán ao longo do presente curso 2024/25. Para iso, contan co apoio específico do departamento educativo da Xunta a través de asesoramento, formación específica e difusión de boas prácticas. Asemade, a Consellería dotará aos centros dunha asignación extraordinaria para o desenvolvemento dos proxectos, para o que a convocatoria está dotada cun orzamento de ata 2M€.
O obxectivo deste programa -dirixido ás etapas de Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Secundaria- é que estes centros destacados en materia de inclusión e innovación educativa supoñan un exemplo de boas prácticas para o conxunto da comunidade educativa e, especialmente, para que poidan influír positivamente noutros centros similares promovendo e compartindo actuacións e metodoloxías replicables.
Amplo abano de boas prácticas
Para participar no programa, os centros seleccionados elaboraron un proxecto educativo centrado nalgunha das oito áreas de mellora ou ámbitos presentados nas convocatorias: igualdade, convivencia, inclusión, benestar emocional, competencia matemática, competencia lectora, internacionalización e sostibilidade.
Esta é un dos seis programas do Plan MEGA, dos que xa hai catro en marcha: Promociona, Proa+, acollida e apoio educativo ao alumnado estranxeiro e este de impulso de Centros Referentes. A vindeira semana presentaranse os dous últimos, os programas de reforzo da competencia lectora e da competencia matemática, cumprindo así co compromiso adquirido pola Consellería de Educación ao inicio deste curso.
No hay comentarios:
Publicar un comentario