Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

martes, 11 de julio de 2017

A XUNTA DESTINA 1,8 MILLÓNS DE EUROS A SUBSIDIAR OS XUROS DE PRÉSTAMOS DESTINADOS AO FINANCIAMENTO DE OBRAS DE REHABILITACIÓN DE VIVENDAS





§  Esta axuda pode acadar o 80 ou 100% dos xuros durante tres ou catro anos
§  O importe máximo dos préstamos será de 30.000 ou 60.000 euros, segundo a garantía sexa persoal ou hipotecaria
§  Pódense solicitar ata o 2 de novembro

A Xunta de Galicia destinará 1,8 millóns de euros a subsidiar ata o 100 por cento dos xuros dos préstamos destinados ao financiamento de obras de rehabilitación de vivendas, tal como establece a Orde que hoxe publica do Diario Oficial de Galicia(DOG) e pola que se regula a convocatoria para 2017 das axudas financeiras do Programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas. Para obter máis información pódese consultar o seguinte enlace: https://goo.gl/BGKe6g.

As axudas para as actuacións de rehabilitación que establece este programa, incluído no Plan rehaVIta, plan galego de rehabilitación, alugueiro e mellor acceso á vivenda 2015-2020, consisten en:

a) Préstamos cualificados concedidos polas entidades de crédito no ámbito dos convenios asinados coa Consellería de Infraestruturas e Vivenda. As condicións aplicadas aos préstamos concedidos polas entidades financeiras serán mellores que as vixentes no mercado en canto a tipo de xuro, inexistencia de comisións, etc.

b) Axudas económicas directas da Xunta de Galicia, consistentes na subsidiación dos xuros dos  préstamos cualificados. O Executivo autonómico subsidiará ata o 100 por cento dos xuros dos préstamos por un período máximo de catro anos e para préstamos por un importe máximo de 60.000 euros. O importe subsidiado e a súa duración depende das condicións económicas dos beneficiarios.

Préstamos
O importe máximo dos préstamos será de 30.000 ou 60.000 euros, segundo se trate de préstamos con garantía persoal ou hipotecaria. Os préstamos terán unha duración entre 6 meses e 15 anos, poderán ser de tipo fixo ou variable e non terán ningunha comisión.

Poderán solicitar un período de carencia de dous anos durante os cales non pagarán capital. Desta maneira, para os beneficiarios con ingresos que non superen catro veces o indicador público de rendas de efectos múltiples (IPREM), a cota mensual dos dous primeiros anos pode ser de cero euros.

No préstamo pódense incluír os honorarios dos profesionais que interveñan no proxecto da obra e/ou na súa execución e os informes técnicos necesarios, xunto co custe das obras de rehabilitación a realizar.



Subsidiación de xuros
As persoas que subscriban préstamos cualificados ao abeiro desta convocatoria poderán beneficiarse da subsidiación dos xuros de ditos préstamos ata o 100% dos mesmos e por un período máximo de catro anos, tal como se indica no seguinte cadro:


SUBSIDIACIÓN DOS XUROS EN FUNCIÓN DOS INGRESOS DOS BENEFICIARIOS

IPREM
SUBSIDIACIÓN MÁXIMA
DURACIÓN MÁXIMA
Menor ou igual a 4
100% dos  xuros
48 meses
Maior de 4 e menor de 5,5
80% dos xuros
36 meses
Maior de 5,5 e menor de 6,5
Sen subsidiación
Duración do préstamo


INGRESOS EN VECES IPREM SEGÚN NÚMERO DE MEMBROS DA UNIDADE FAMILIAR E O COFICIENTE CORRECTOR APLICABLE

NÚMERO DE MEMBROS
DA UNIDADE FAMILIAR
4 IPREM
5,5 IPREM
6,5 IPREM
1 membro
29.820,56 €
41.003,27 €
48.458,41 €
2 membros
26.838,80 €
39.902,94 €
43.612,57 €
3 membros
23.856,45 €
32.802,62 €
38.766,73 €
4 membros
22.365,42 €
30.752,45 €
36.343,81 €
5 membros
20.874,39 €
28.702,29 €
33.920,89 €

Beneficiarios
Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas promotoras da rehabilitación, xa sexan propietarias ou teñan calquera outro título que acredite a posesión do inmoble. No caso de actuacións promovidas por comunidades de propietarios no que as obras de rehabilitación se realicen en elementos comúns do edificio, as persoas beneficiarias serán os membros da comunidade en funcións da súa porcentaxe de participación nas obras.

Os ingresos da unidade de convivencia non deberán superar 6,5 veces o IPREM para acceder aos préstamos cualificados. Para poder acollerse ás axudas económicas directas, o límite máximo de ingresos será de 5,5 veces o IPREM.

A Orde pola que se regula o Programa de Préstamos Cualificados para a Rehabilitación de Edificios e Vivendas establece que as actuacións de rehabilitación que se poderán financiar a través destas axudas serán as obras de adecuación estrutural e construtiva e de adecuación das condicións de habitabilidade do edificio ou da vivenda e de mellora de eficiencia enerxética.

Tamén están incluídas obras destinadas a adecuar os edificios ou as vivendas e os seus accesos á normativa vixente sobre accesibilidade e aquelas destinadas a adecuar o acabado xeral do edificio e das vivendas aos principios da boa construción.

Prazo
A Xunta de Galicia destinará 1,8 millóns de euros a subsidiar os préstamos que se formalicen ao abeiro da convocatoria de 2017.

O prazo de presentación de solicitudes comezará mañá xoves, día 29, e e rematará o 2 de novembro de 2017 ou no momento do esgotamento do crédito orzamentario.

No hay comentarios:

Publicar un comentario