Entrevista ó músico de Barro, o trompeta Esteban Batallán Cons. - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

sábado, 3 de septiembre de 2011

Entrevista ó músico de Barro, o trompeta Esteban Batallán Cons.

Esteban Batallán vostede é un artista brillante que comezou de moi noviño. Cóntenos un pouco a súa infancia e como empezou a interesarse pola música e algunha anécdota interesante.
Ben, eu empecei con 6 anos na Escola de Música de Barro, na cal estiven 6 meses con teoría da música ata que me decantei por un instrumento, todo elo impulsado por unha gran afición de toda a vida por parte de pai...

Como o interés foi creado por afición familiar, e a min non me desgustaba de todo, pois así comezou... Por suposto, sempre tiven o gran apoio de meu pai, primeiro interesado en ter un fillo músico, xa que con anterioridade o intentara cos meus dous irmáns maiores, e non obtivera resultado. Na vida de todo neno de 6 anos, non supón un esforzo extremo, xa que é unha idade na que se absorben moi ben os coñecementos.

Por suposto que as veces era mais complicada a labor de compaxinar "a pelota" co "case deber" de estudar música ou a escola, porque cando un é neno, falemos entre nós, o primeiro que lle interesa a un, é a pelota, pero no meu caso, anque as veces esa nenez indiscutible afloraba como era normal, sempre había algún momento no que poder dedicarse a esta nova experiencia.

Como anécdota, citaría, unha vez...sendo eu pequeno, con 10 anos ou 11, estando na Banda Xuvenil de Barro, pouco antes de pasar para a Banda Municipal de Barro e a Banda Municipal de Pontevedra (na que entrei con 12 anos) unha mañá, nas festas de Moraña (o Carneiro), despois de facer pasacalles, non coa trompeta recentemente "nova" que tiña, que era xa unha trompeta profesional, (unha Vicent Bach), se non coa que tiña que "batalla" por así dicir que era coa que empezara, un compañeiro maior ca min, e amigo dende entón, oíra que eu era quen de tocar o famoso "Sitio de Zaragoza" coa curta idade que tiña xa que era un papel complicado para a trompeta...el non o cría e pediume que o interpretara, pero díxenlle todo cheo de razón: "Espérame un anaco, que teño que ir buscar a trompeta nova, que me vai mellor que este ferro vello, jajaja..."

A día de hoxe, aínda lembramos a anécdota con moita gracia... o seu nome é Jose Luís Vazquez, tubista da Banda Municipal se Santiago, mais coñecido entre todos os músicos de como "Cote".

Vostede é músico profesional, resultoulle fácil? Voltará algún día á súa terra, xa que agora non está nela?
Si, son profesional xa fai mais de 10 anos e podo contar que igual que todo nesta vida, nada é fácil...todo require o seu tempo de dedicación, así como, no momento de enfrontarse a unha proba profesional, na cal compites contra outra xente tamén preparada e disposta a gañar igual que a túa pretensión. Necesitas, como en toda arte, non so facelo ben e convencer, se non algo de sorte que nunca ven mal! Anque este sexa o factor que menos debemos ter en conta, xa que se debe ir ben preparado.

En canto ao de voltar... sinceramente, para dedicarme a música sinfónica e concertística, que é o que eu fago, véxoo bastante difícil, anque temos dúas excelentes formacións sinfónicas en Galicia, como son a Orquestra Sinfónica de Galicia e a Real Filharmonía de Galicia. De vacacións, por suposto que sempre volto á miña terra, iso vai na pel...

Porqué o título de una trompeta e non unha guitarra ou unha batería?
Iso é curioso, porque sempre tiven unha fixación extrema coa trompeta, pero nunca souben o por qué... Dende que un día aparecín en "Óscar Música" en Pontevedra entrei pola porta pedindo unha trompeta, anque de primeiras non había moita conformidade porque miña nai dicía que era moi ruidoso.

Ela prefería un clarinete ou algo así. Por outra parte, como tampouco se sabía a onde podía chegar isto, (por se era capricho ou non), nalgún momento da tarde "apareceu" un tambor...como quen di, "para matarlle o gusanillo ao neno", "por tocar algo"...

Máis esa idea non chegou a ningunha parte... Dende o primeiro momento, aquel "aparente" monte de ferros curvado parecía que sacaba algún tipo de son e así, foi todo cara adiante.

En canto ao por qué non escollín a guitarra ou a batería; un, non se podía interpretar nunha banda de música, e dous, sobre-pasaba abundantemente o nivel de decibelios preestablecido por miña nai!

Sabemos que vostede fixo composicións e fai, tivo premios, pódenos contar un pouco a historia do seu éxito?Que lle depara o futuro a Esteban Batallán? Cales son os seus vindeiros retos? Cando dará algún concerto en Barro?
Ben, o meu éxito é recoñecido como trompetista, non como compositor, anque eu faga os meus "pinitos" a modo de hobby. É algo que me gusta facer no meu tempo libre, xa que a miña dedicación é exclusiva a trompeta.

Obtiven varios premios nacionais, europeos e internacionais, todo relacionado coa trompeta, como poden ser o "1º premio Juventudes Musicales de España" no 2001, o "1º premio no Concurso Nacional Yamaha-Xeno 2002", "1º premio no Concurso Internacional de Yamaha-Xeno 2003", "1º premio no Concurso Europeo de Juventudes Musicales 2003" e o "4º premio no Concurso Internacional 'Villa de Paris-Maurice Andre' 2006".

En canto ao meu futuro, non sei o que me depara, xa que eu sigo facendo novas cousas, pretendendo novas metas e involúcrome en novos proxectos... Máis, espero que algo bo!

No mes de setembro asistirei a un dos mais prestixiosos concursos internacionais de trompeta en Munich, o famoso "ARD Musikwettbewerb", a tratar de conseguir fama e prestixio mundial. En canto ao campo sinfónico, sigo facendo probas e intentando estar en primeira fila tamén, como poden ser as probas que fixen na "Royal Concertgebouw" de Amsterdam non fai moito, e coa cal estiven colaborando durante a temporada 2010/2011, e as de "Chicago Symphony" xa fai uns anos, ou as que tiña proxectadas para a "Danish National Symphony Orchestra" ou incluso "Los Angeles Philharmonic", anque non cheguei a realizalas por motivos de traballo na miña orquestra en Granada...pero ando niso, como se adoita dicir! En Barro, gustaríame dar algún, así que xa veremos como o argallamos!!!

10 preguntas íntimas:
 
Un lugar onde perderse:
Depende, se é para perderse, e non encontrarse con un mesmo, Chicago, Tokio, Berlín ou París. Sen embargo, se é para perderse e relaxarse, calquer lugar de Galicia, anque tamén, Interlaken, un pequeno pobo do norte de Suíza ou as Illas Maldivas.

Unha canción para bailar:
Sempre latino, e a ser posible, un merengue, que é moito mais fácil e resultón, jeje

Unha película para non esquecerse:
Non adoito ser moi peliculeiro, pero para morrer ca risa, "Torrente 1" o día do estreo, jaja

Froita preferida:
Os pexegos e tamén os perellos, que veñen sendo de maceiras bravas...

Ultimo libro lido:
Non me apaixona a lectura. Ocupo o meu tempo en estudar trompeta, máis creo recordar que foi un libro sobre a vida de Gustav Mahler.

De política, si, non, ns/nc:
Si, pero so o xusto...

Un desexo:
Que persoalmente me vaia ben. Familia, amigos, logros, éxitos...e xa de paso, para non ser egoísta, que a todo o mundo lle vaia ben e sexa feliz.

Perdoa e/ou Olvida:
As dúas cousas pero depende da situación e do feito...a segunda leva mais tempo, (salvo que se me faga algo realmente grave, moi moi grave)

Unha persoa:
Éme imposible dicir unha, teño que dicir moitas. Primeiro, meus pais, meus irmáns, familia en xeral.

Despois, o meu queridísimo, profesor, amigo, mentor, vamos...un todo!, Javier Viceiro, quen me guiou e me encamiñou sempre a algo mellor, profesional e persoalmente tamén. A miña parella, Mónica, que me entende á perfección, sabe o que é a miña vida profesional porque ela tamén se dedica a ela, me axuda, me apoia e me comprende cando en largas temporadas non nos vemos.

A todos en xeral, amigos, coñecidos, xente mais próxima e mais lonxana que nalgún momento do camiño me atopei e me axudaron ou eu axudei.

Ultimo cabreo foi por:
Porque a miña moza tiña que ir comprar cinta americana para embalar unhas caixas,xa que se me botaba o tempo enriba, ademais eu, tiña traballo xa que estaba tocando con STING, e olvidóuselle....pero, non é para tanto :)

Gracias por esta entrevista, amigos a Voz de Barro!!!

Esteban Batallán Cons

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario