A Asociación Cultural "Amigos da Fervenza da Barosa" de Barro, ven de entregarlle onte mércores aos Servizos Sociais do Concello de Barro máis de media tonelada, ou o que é o mesmo 508,45 kg, de alimentos recollidos na campaña "Nadal Solidario en Barro".
Esta campaña que comezou a mediados do mes de decembro, tiña como obxectivo a recollida de alimentos non perecedeiros para as familias de Barro máis necesitadas. Para facerlle chegar esta recollida a ditas persoas, estableceuse que a entrega se faría aos Servizos Sociais do Concello de Barro, que é a administración pública que xa xestiona este programa no noso concello. A campaña foi coordinada por Elena Porta e Faustino Batallán.
Dende a AC, establecéronse 18 puntos de recollida situados en tódalas parroquias, que incluían negocios, administracións públicas ou igrexas. Queremos recoñecer dende "Fervenza da Barosa" tódalas aportacións que fixeron veciñ@s, entidades privadas, empresas, entidades colaboradoras, que en dous casos particulares doaron máis de 100 kg (LCB) ou 30 kg (Supermercado DIA).
Dos 508,45 kg recollidos a maioría foron pastas (79 kg), arroz (55 kg), leite (54 l), aceites (48 l) ou lentexas (45,5 kg).
En palabras da Presidenta da AC, Mónica Cons, "de maneira especial queremos agradecer a loxística que prestaron Adega Pazo da Bouciña, Envialia Transpobedasa de Barro, Tanatorio San Marcos, Supermercado DIA e Supermercado San Antoniño-Tandy como patrocinadores da campaña".
Tamén suliña, que "volveremos máis adiante a pedir a colaboración dos veciñ@s do noso concello, de manterse a situación económica actual para volver a axudar aos que máis o necesitan, xa que en calquera época do ano as persoas con menos recursos necesitan axuda e non só no Nadal".
No hay comentarios:
Publicar un comentario