A DEPUTACIÓN ADXUDICARÁ O VINDEIRO DÍA 21 O SERVIZO DE INTERVENCIÓN DE EMERXENCIAS DEPENDENTE DO CONSORCIO PROVINCIAL DE BOMBEIROS,QUE ATENDERÁ O CONCELLO DE BARRO. - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

miércoles, 9 de enero de 2013

A DEPUTACIÓN ADXUDICARÁ O VINDEIRO DÍA 21 O SERVIZO DE INTERVENCIÓN DE EMERXENCIAS DEPENDENTE DO CONSORCIO PROVINCIAL DE BOMBEIROS,QUE ATENDERÁ O CONCELLO DE BARRO.


O comité de expertos constituido pola Deputación de Pontevedra para contratar a xestión indirecta, mediante concesión administrativa, do Servizo de Intervención en Emerxencias, dependente do Consorcio Provincial de Bombeiros, para prestar o servizo nos parques de Bueu, Porriño, Ribadumia e Vilagarcía, acordou hoxe fixar a data do vindeiro día 21 de xaneiro para a apertura do sobre C que adxudicará o traballo. En consecuencia, o servizo poderá quedar operativo a primeiros do vindeiro mes de febreiro.

Os técnicos reunidos _José Luis Barca, xerente do Consorcio de A Coruña; Juan José Muñoz, xerente da Axencia Galega de Emerxencias; Gabriel Rodríguez e Manuel Juanatey, xefes de servizo da Deputación; e Juan José González, xerente do Consorcio Provincial de Pontevedra_ indicaron que o proceso foi algo lento debido á vontade de seguir unha escrupulosidade técnica na adxudicación debido ao alto volume do orzamento e tamén á repercusión social do contrato.

O ámbito de actuación do Consorcio é a práctica totalidade da provincia de Pontevedra con exclusión daqueles concellos que dispoñan dun parque municipal de bombeiros de seu como Pontevedra, Ponteareas e Vigo, e tamén os concellos integrados no Consorcio Comarcal Deza-Tabeirós-Terra de Montes. Sen embargo os concellos que compoñen as “áreas de actuación preferente” de cada parque, previstas no apartado a) do mesmo artigo citado, son os que no seu momento formaban parte do Consorcios Comarcais respectivos:

a) Parque do Morrazo (Bueu): cuxa área de actuación preferente será a abranguida polos concellos de Bueu, Cangas e Moaña, pero que incluirá tamén os de Marín, Vilaboa, Soutomaior e Ponte Caldelas.

b) Parque do Baixo Miño (O Porriño): cuxa área de actuación preferente será a abranguida polos concellos das Neves, Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, O Porriño, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tui.

c) Parque de Ribadumia: cuxa área de actuación preferente será a abranguida polos concellos de Cambados, O Grove, Meaño, Meis, Ribadumia e Sanxenxo, pero que incluirá tamén os de Portas e Barro.

d) Parque de Vilagarcía: cuxa área de actuación preferente será a abranguida polos concellos de A Illa de Arousa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa, pero que incluirá tamén os de Caldas de Reis, Catoira e Valga.

Non obstante estas áreas de actuación preferente e o ámbito anexo ás mesmas, poderán ser variados en función dos acordos adoptados polo consorcio, que se poidan realizar tendo en conta unha nova distribución territorial, xa que logo o ámbito de actuación é provincial, como se dixo anteriormente.

O orzamento de licitación ascende a 22 millóns de euros, o que fai este contrato como o máis alto dos executados pola Deputación de Pontevedra. O prazo de duración inicial do contrato será de 8 anos, prorrogable por períodos máximos de tres anos ata 14 anos.

Presentaron ofertas as empresas Veicar, Matinsa, Ute Santiaguesa Metropolitana-Autos Carballo e Clece SA.

Xa foron abertos os sobres A e B das catro empresas e logo, por mor das eleccións, dilatouse o proceso para facelo estrictamente técnico, con todos os requisitos legais. Agora, o comité de expertos reuniuse para analizar as alegacións presentadas polas empresas e decideu a antedita data do 21 de xaneiro para abrir o sobre C que conducirá á definitiva adxudicación do Servizo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario