Louzán remitiu unha carta
ao presidente de NGB para que reciba unha delegación de afectados e alcaldes e
explique a situación actual
·
Rafael Louzán recibiu
a unha ampla delegación de representantes de todas as plataformas de afectados
da provincia
·
Subliñou que a
Deputación e todas as administracións “teñen que ser as primeiras aliadas” das
persoas que “foron estafadas”
A corporación da Deputación Provincial de Pontevedra debaterá no próximo
pleno unha moción do PP para reclamar que se manteña a vía da arbitraxe, que os
afectados non sufran quita e que, no caso de que os produtos se cambian se faga
por outros que teñan liquidez inmediata, de forma que as familias poidan
recuperar os seus aforros.
Así o anunciou esta mañá o presidente da Deputación, Rafael Louzán,
durante a reunión que mantivo cunha representación dos afectados polas
preferentes, que acudiron á sede da deputación acompañados por diferentes
alcaldes e alcaldesas, mentres outros afectados permanecían concentrados á
porta da institución provincial.
Louzán incidiu en que a Deputación Provincial é plenamente consciente do
grave problema que supuxo a comercialización destes produtos financeiros que,
segundo dixo “nunca se debeu autorizar”. Así, amosou a súa plena solidariedade
con todos os afectados e afectadas, incidindo en que a Deputación “é unha
aliada de todas as persoas estafadas”, como o teñen que ser todas e cada unha
das administracións.
Neste sentido, incidiu en que ao traballo feito tanto desde a Xunta de
Galicia, pioneira en poñer en marcha a vía da arbitraxe que xa permitiu
resolver uns 12.000 expedientes e devolver aos afectados 200 millóns de euros;
como desde a propia Deputación, a través da súa Oficina Provincia de
Información ao Consumidor, que tramitou 888 reclamacións, non vai parar.
Louzán comunicoulle, ademais, aos afectados que xa remitiu ao presidente
de Nova Galicia Banco, José María Castellano, unha carta solicitándolle un
encontro con representantes dos afectados, alcaldes e o propio presidente
provincial “para que explique cal é a situación actual” e abordar as solucións
que se poidan plantear.
ACHEGAS
DOS AFECTADOS
A xuntanza, na que participaron preto de 100 representantes de todas as
plataformas de afectados e os alcaldes das zonas con máis concentración de
casos así como as deputadas Ana Isabel Vázquez e Begoña Estévez e a xerente do
Instituto Galego de Consumo, María Jesús Muñoz, entre outros, serviu para
aclarar dúbidas e para intercambiar opinións sobre a situación.
Así, os afectados fixéronlle chegar ao presidente da Deputación un
escrito no que expoñen as súas principais demandas e que solicitaron que fosen
incluídas na moción que se levará a pleno a finais de mes e que Rafael Louzán recibiu
asegurando que se terán en conta na moción, xa que non só coinciden co espírito
da moción dos populares senón tamén co contido, reclamando, entre outras
cousas, que se continúe coa vía da arbitraxe, que non se produzan quitas e que
os afectados se recoñezan como aforradores e non investidores.
A proposta de acordo que recolle a moción do Grupo Popular pode,
precisamente “Instar ao Banco de España, ao Ministerio de Economía, á Comisión
Europea e ao FROB e NCG Banco a que se continúen resolvendo, a través da
Arbitraxe de Consumo, todas as reclamacións presentadas en relación á
comercialización de Participacións Preferentes e Obrigas Subordinadas por NCG
Banco, ata a resolución definitiva de todas elas, en todos aqueles casos que cumpran
con condicións similares aos xa resoltos” e “Instar ao FROB, ao Banco de
España, ao Ministerio de Economía e á Comisión Europea a que os tenedores de
Participacións Preferentes e Obrigas Subordinadas de NCG Banco non teñan que
sufrir quitas, e de ter que soportar quitas, que sexa na menor contía posible e
que os canxes poidan ser obxecto da súa realización líquida inmediata”.
RESOLVER
DÚBIDAS
Pola súa banda, a xerente do Instituto Galego de Consumo aclarou diferentes
dúbidas dos afectados como que a responsabilidade de autorizar estes produtos
(comercializados na súa inmensa maioría entre 2005 e 2008) foi o Banco de
España, correspondéndolle á Comisión Nacional do Mercado de Valores supervisar
que a venta se producise correctamente, polo que nin o actual goberno galego
nin o central teñen responsabilidade na mala praxe que se producise na
colocación nin de preferentes nin de obrigas subordinadas.
Así mesmo, subliñou que a vía da arbitraxe é un procedemento voluntario e
é á entidade financeira á que lle corresponde decidir se acepta ou non tratar
pola vía da arbitraxe as reclamacións presentadas polos afectados.
No hay comentarios:
Publicar un comentario