O Pleno do Consorcio deu conta da liquidación do orzamento de 2013 e das actuacións de mellora que se están a realizar no servizo
· A nova aplicación informática permitirá saber en tempo real as incidencias e actuacións que realiza cada equipo
· O novo camión incorporarase nas próximas semanas ao parque de O Porriño e o todoterreo xa está operativo en Vilagarcía
O pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros deu conta esta mañá da liquidación do orzamento de 2013 (que se pechou cun saldo positivo de algo máis de 367.000 euros) así como das diversas melloras que se están a realizar nos diferentes parques da provincia.
Entre estas melloras figura a próxima incorporación dun novo camión de bombeiros ao parque de O Porriño e a dun todoterreo no de Vilagarcía. A isto súmanse os 12 novos profesionais que reforzarán o cadro de persoal dos parques e que se incorporan de forma inmediata, unha vez rematado o seu período de formación.
Así mesmo, na xuntanza deuse conta de que o Consorcio Provincial está tramitando a adquisición dunha nova ferramenta informática para a xestión e seguimento dos parques, que permitirá mellorar a coordinación e a eficacia do servizo. Esta ferramenta permitirá saber en cada momento e en tempo real as diversas actuacións dos parques de bombeiros e as intervencións que se realizan de forma detallada.
Ademais, tamén se deu conta do cambio de uniformidade de todos os membros dos equipos de bombeiros, que inclúe tanto a nova vestimenta como a renovación dos cascos.
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, e o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacaron o bo funcionamento do servizo, a redución considerable de custes e a mellora na coordinación que se ten acadado coa posta en marcha do servizo provincial que xestiona a empresa Matinsa e financian a Deputación e a Xunta de Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario