O CENTRO DE ASESORAMENTO EMPRESARIAL EN NOVAS TECNOLOXÍAS DA COMARCA DE PONTEVEDRA BOTA ANDAR CON ACTIVIDADES DE CAPACITACIÓN TECNOLÓXICA - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

viernes, 4 de abril de 2014

O CENTRO DE ASESORAMENTO EMPRESARIAL EN NOVAS TECNOLOXÍAS DA COMARCA DE PONTEVEDRA BOTA ANDAR CON ACTIVIDADES DE CAPACITACIÓN TECNOLÓXICA



A partir da vindeira semana, organizaranse cursos prácticos sobre diferentes usos da tecnoloxía nas empresas
·        O uso dos certificados dixitais,  marketing on line, xestión informática de compras e vendas ou seguridade informática son algúns dos aspectos que se tratarán
·        A oficina de Pontevedra atenderá aos 12.800 autónomos e microempresas de O Morrazo e Pontevedra
O Centro de Asesoramento Empresarial en Novas Tecnoloxías (CPAE 2.0) que impulsa a Deputación de Pontevedra porá en marcha a partir da vindeira semana un amplo programa de actividades formativas tanto na súa sede central, inaugurada esta mañá, como nas oficinas de Lalín, Cambados, Ponteareas, O Porriño e Vigo.
Os autónomos e microempresas da provincia terán así á súa disposición cursos de formación práctica en materias como uso dos certificados dixitais  e do  DNI  Electrónico,  marketing on line, mellora da reputación online, xestión informática de compras e vendas, seguridade informática e, incluso, información sobre subvencións e axudas para a implantación de novas tecnoloxías nas empresas.
As clases terán un contido eminentemente práctico e, para un mellor aproveitamento dos mesmos, impartiranse en grupos reducidos de entre 10 e 12 persoas.
Así o puxo de manifesto esta mañá o responsable de Novas Tecnoloxías da Deputación, Amancio Varela, no acto de presentación da oficina de Pontevedra –situada no Edificio Administrativo da Deputación–, no que tamén participou a deputada Ana Isabel Vázquez.
12.800 empresas en O Morrazo e Pontevedra
Trátase da quinta oficina que se pon en marcha como parte dunha rede de 6 centros que dará servizo aos máis de 64.000 autónomos e microempresas existentes na provincia e que se completará coa próxima apertura do punto de asesoramento de Vigo.
A oficina inaugurada esta mañá exercerá, por un lado, como punto de información e asesoramento para os 12.800 autónomos e microempresas das comarcas de O Morrazo e Pontevedra e, ademais, servirá de centro de coordinación e creación de contidos para as demais oficinas.
Esta oficina central contará con 5 técnicos que non só dar resposta ás consultas que se lle planteen, senón que van ser proactivos, organizando diferentes actividades formativas e de asesoramento e impulsando unha plataforma de comercio virtual.
A deputada Ana Isabel Vázquez animou aos destinatarios deste servizo a facer uso do mesmo, dado que, segundo incidiu, permitirá mellorar a súa competitividade.
A oficina estará aberta nun horario amplo para adaptarse o máximo posible ás necesidades dos empresarios e as consultas poderán facerse tanto de forma presencial, como por teléfono ou a través da rede (correo electrónico, dispositivos móbiles…).
Os empresarios poderán atopar orientación sobre como aforrar nas comunicacións da empresa; xestionar un negocio on-line; controlar o stock da empresa desde un dispositivo móbil; como poñer en marcha  plataformas de comercialización a través da rede; ferramentas de xestión que lle poden ser de utilidade ….
Éxito das oficinas en marcha
Ana Isabel Vázquez amosouse confiada de que esta ferramenta permita avanzar na incorporación das novas tecnoloxías entre as pequenas empresas, que son as que maiores dificultades teñen para acceder ás novas tecnoloxías.
O Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0 ofreceralle desde unha diagnose do grao de desenvolvemento tecnolóxico da súa empresa e, se así o desexa o empresario, un plan personalizado para mellorar e implantar ferramentas e procedementos que redunden nunha maior rendibilidade e competitividade.
A experiencia das 3 primeiras oficinas postas en marcha (Lalín, Ponteareas e O Porriño) permite, segundo indicou Ana Isabel Vázquez, ser optimistas en relación ao éxito deste servizo, dado que en menos de 15 días de funcionamento, foron xa 125 as empresas que solicitaron asesoramento personalizado.
Os empresarios interesados en beneficiarse deste servizo poden contactar co CPAE tanto a través do teléfono 886202020 como visitando a web www.cpae20.depo.es ou ben achegándose á oficina máis próxima.

No hay comentarios:

Publicar un comentario