O molusco estivo paralizado no IGAFA xunto con outros 700 quilos dos que as empresas que figuraban como destinatarias na documentación negaron selo durante o transcurso do operativo
A Consellería do Medio Rural e do Mar procedeu onte a resementar 848,6 quilos de ameixa nunha zona de libre marisqueo de Galicia tras levar a cabo os controis e análises que garanten que o molusco estaba en perfectas condicións e que contaba con todas as garantías sanitarias. Esta ameixa estivo paralizada durante varios días no Instituto Galego de Formación de Acuicultura (IGAFA) xunto con outros 700 quilos de molusco que foron paralizados cautelarmente nun operativo levado a cabo pola Garda Civil da Comandancia de Pontevedra e para o que se requiriu ao Servizo de Gardacostas de Galicia a semana pasada.
No operativo, realizado o pasado 16 de abril na peaxe da AP-9 en Curro (Barro) foi inspeccionado un camión que transportaba 2.348 quilos de ameixa. A mercancía foi inmediatamente paralizada ao presentar irregularidades en parte da documentación transportada e por non xustificar o destino doutra parte. Pola contra, 800 deses quilos foron inmediatamente postos a disposición da empresa que reclamou ser a destinataria no momento da inspección. O resto da ameixa (1.548 quilos) foron levados ao IGAFA de xeito cautelar, xa que as empresas que figuraban como destinatarias na documentación negaron selo nese momento.
Ao longo da última semana, as dúas empresas que inicialmente negaran ser as destinatarias da ameixa e reclamaron a súa propiedade, de xeito que puideron proceder á retirada de 300 e 400 quilos de molusco respectivamente que estaba paralizado no IGAFA . Non aconteceu así cos preto de 850 quilos restantes dos que non se acreditou o seu destino. Deste xeito, e tras realizar os controis e análises que garanten o perfecto estado do molusco por parte do Intecmar, a Xunta de Galicia procedeu onte á súa semente nunha zona de libre marisqueo do litoral de Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario