O delegado territorial en Pontevedra, Luis López, informou desta resolución nunha visita de supervisión ás obras realizadas coa anterior convocatoria na aldea de Nores, no Concello de Vilaboa, xunto ao alcalde, César Poza
O Concello da Vilaboa recibirá este ano unha achega de case 50.000€, o que supón un 25% máis que no exercicio anterior, e xa dispuxo de máis de 261.000 euros ao abeiro deste programa de investimentos no último lustro
“A Xunta prevé inxectar preto de 600.000€ nesta bisbarra para a mellora das súas pistas municipais de uso agrícola, o que é moi importante para facilitar a mobilidade interna e a destinada a estas tarefas do campo, e ademais este ano a partida increméntase de xeito considerable, entre un 20% e un 30% máis, con respecto a 2021”, sinalou o representante autonómico
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, vai destinar unha achega de 588.073 euros aos dez concellos das bisbarras de Terras de Pontevedra e da zona norte do Morrazo ao abeiro do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta resolución para a comarca nunha visita á Vilaboa, onde supervisou as obras realizadas na aldea de Nores coa anterior convocatoria na compaña do xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, do alcalde, César Poza, e doutros representantes municipais, aos que confirmou que a dotación deste programa para o seu concello increméntase este ano nun 25% ata alcanzar os 48.966 euros
“A Xunta prevé inxectar preto de 600.000 euros nesta bisbarra para a mellora das súas pistas municipais de uso agrícola, algo que é fundamental para axudarlles a facilitar a súa mobilidade interna e tamén a destinada a estas tarefas do campo. Ademais, a aposta pola colaboración cos concellos refórzase aínda máis, xa que a partida increméntase de xeito considerable, entre un 20% e un 30% en todos os casos, con respecto a 2021”, sinalou o representante autonómico.
En concreto, a resolución da Consellería do Medio Rural destina 72.041 euros ao Concello de Pontevedra, 45.726 euros a Marín, 48.339 euros a Bueu, 117.377 euros a Cerdedo-Cotobade, 50.697 euros a Campo Lameiro, 65.118 euros á Lama, 49.279 euros a Poio, 48.966 euros a Vilaboa, 47.006 euros a Barro e 43.164 euros a Ponte Caldelas.
Visita á mellora en Nores
Na súa visita ao municipio de Vilaboa, o delegado territorial acudiu a supervisar as obras de reasfaltado de pistas en Nores, que foron executadas coa achega íntegra de 39.249 euros do Plan Marco 2021-2022. Esta actuación consistiu na renovación do firme en diversos tramos, que se atopaban deteriorados pola antigüidade da capa asfáltica, a carga de tráfico e os efectos da meteoroloxía.
Ademais, o Concello da Vilaboa recibíu no último lustro, ao abeiro desta resolución da Consellería do Medio Rural, unha contía global de 261.000 euros, o que lle permitiu actuar en pistas de uso rural e agrícola de lugares como Portela, Larache, Magarella, Rotea, San Adrián, Bértola ou Santa Cristina de Cobres, entre outros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario