A ÁREA SANITARIA DE PONTEVEDRA E O SALNÉS PECHA OS puntos de vacinación masiva COA ADMINISTRACIÓN DE 728.743 DOSES, POLO QUE O 93,73% DA POBOACIÓN xa está PROTEXIDA FRONTE Á COVID-19 - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

martes, 22 de marzo de 2022

A ÁREA SANITARIA DE PONTEVEDRA E O SALNÉS PECHA OS puntos de vacinación masiva COA ADMINISTRACIÓN DE 728.743 DOSES, POLO QUE O 93,73% DA POBOACIÓN xa está PROTEXIDA FRONTE Á COVID-19

 



     O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez, asistiron ao peche do punto de vacinación na sala de exposicións do edificio administrativo de Campolongo

     O representante autonómico agradeceu a responsabilidade e resposta dos cidadáns e o traballo, nos 349 días de funcionamento destes recintos en Pontevedra e Vilagarcía, do persoal de enfermería, transporte, seguridade e Protección Civil

     A área sanitaria ten 271.335 persoas de máis de 5 anos coa pauta completa e máis de 277.000 con alomenos unha dose, pero o delegado territorial fixo un chamamento aos case 18.000 cidadáns sen protección para que se vacinen “cando queiran”

     Dende este momento, as vacinas administraranse no Hospital de Montecelo con, ou sen, cita previa. Non obstante, a Xunta manterá estes espazos preparados por se fose necesario para a terceira dose dos nenos ou o reforzo doutros colectivos

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés vén de proceder á clausura dos chamados 'vacinódromos” no edificio administrativo da Xunta en Campolongo e no recinto feiral de Fexdega en Vilagarcía cun balance de 728.743 doses inoculadas fronte á covid-19 e un 93,73% da poboación protexida fronte a este virus.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez, supervisaron este mediodía o proceso de desmontaxe deste punto de vacinación na capital provincial, emprazado na sala de exposicións do edificio da Xunta, e debullaron os datos dos 447 días de vacinación fronte á covid-19 dende que se comezaron a administrar o 29 de decembro de 2020 e do funcionamento dos puntos de vacinación masiva, nos 349 días que estiveron abertos, dende o 6 de abril do pasado ano.

“Fixemos, entre todos, un gran esforzo para acometer este proceso á maior velocidade e coa maior comodidade e por iso quero agradecer, en primeiro lugar, aos cidadáns pola súa responsabilidade e masiva resposta para protexerse e protexernos a todos, o que permite que agora xa vexamos a luz ao final do túnel, aínda que non podemos confiarnos porque a incidencia segue alta e hai días cos casos activos á alza, pero en todo caso a situación é indubidablemente mellor que hai uns meses polos efectos da vacinación”, explicou Luis López.

O delegado territorial tamén extendeu os parabéns ao persoal de enfermería, de transporte, de seguridade e de Protección Civil “polo seu incrible esforzo, por dar todo o que tiñan con absoluta profesionalidade e eficiencia e por converterse nun orgullo para todos”.

O representante autonómico tamén puxo en valor o traballo de organización realizado pola xerencia, “xa que superou con moi boa nota a vicisitude que tivemos que afrontar en Pontevedra e Vilagarcía co cambio de puntos de vacinación” e agradeceu a ambos concellos a súa colaboración na loxística e, sobre todo, na organización do tráfico e do aparcamento para que o proceso fose o máis cómodo posible para os cidadáns.

A continuación, Luis López detallou que as case 730.000 vacinas administradas en Pontevedra e O Salnés distribuíronse en 271.335 cidadáns que contan coa pauta completa, 211.000 que xa engadiron unha dose de reforzo e 277.376 que contan con alomenos unha vacina. En calquera caso, lembrou que hai unhas 18.000 persoas da área sanitaria que aínda non acudiron a este proceso e fíxolles un chamamento para que se vacinen “cando queiran e, polo ben deles mesmos e de todos, o fagan o antes posible”.

Finalmente, explicou que o proceso de vacinación fronte á covid-19 segue aberto e realizarase, dende agora, no Hospital de Montecelo con ou sen cita previa telefónica, aínda que a Xunta está alerta por se fose necesario abrilos de novo para adminstrar a terceira dose dos nenos de 12 a 18 anos ou para algunha quenda de reforzo para determinados colectivos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario