DOUS ARQUITECTOS DE VIGO FANSE CO PRIMEIRO PREMIO DO CONCURSO DE IDEAS PARA A REDACCIÓN DO PROXECTO DO VIVEIRO DE EMPRESAS DE BARRO-MEIS - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

martes, 21 de enero de 2014

DOUS ARQUITECTOS DE VIGO FANSE CO PRIMEIRO PREMIO DO CONCURSO DE IDEAS PARA A REDACCIÓN DO PROXECTO DO VIVEIRO DE EMPRESAS DE BARRO-MEIS


Recibirán 6.000 euros

·       Baixo o lema Define tu espacio de trabajo, Juan Bautista Pons e Lucas Gándara presentaron unha proposta que combina a calidade estética co deseño funcional
·       O sevillano Diego José Daza con Código Abierto e o estudo de arquitectura de Pontevedra Santos y Mera Arquitectos con Berce201, foron o 2º e 3º finalista
Os arquitectos vigueses Juan Bautista Pons Herrera e Lucas Gándara Álvarez foron os gañadores do concurso de ideas que a Deputación de Pontevedra convocou para a redacción do proxecto do viveiro de empresas de Barro-Meis, polo que recibirán un galardón de 6.000 euros.
Así se coñeceu esta mañá nun acto público presidido pola deputada Ana Isabel Vázquez e no que se procedeu á apertura dos sobres que contiñan a identificación dos autores dos tres proxectos que o xurado seleccionou como gañadores de entre as 13 propostas presentadas.
Baixo o lema Define tu espacio de trabajo, Juan Bautista Pons e Lucas Gándara presentaron unha proposta que combina a calidade estética cun deseño funcional, no que se aproveitan moi ben os espazos, que son adaptables, cunha distribución clara e sinxela. O xurado valorou tamén a creación de espazos de calidade, como un gran atrio cuberto na entrada, que ademais de cumprir a súa función distribuidora, crea un lugar de encontro e relación moi necesario neste tipo de instalacións.
O segundo galardoado, que recibirá un premio de 3.000 euros, foi o arquitecto sevillano Diego José Daza Pisonero, que baixo o lema Código abierto conseguiu tamén un edificio cunha imaxe atractiva e unha alta calidade estética, pero a costa de penalizar aspectos tales como os construtivos e de circulación, cun aproveitamento dos espazos algo menor que o proxecto gañador.
Finalmente, baixo o título Berce201, o estudo Santos y Mera Arquitectos, de Pontevedra, fíxose co terceiro premio, dotado de 1.000 euros e no que os membros do xurado valoraron os “indubidables valores a nivel de imaxe”, a´si como a boa avaliación orzamentaria e o feito de que sexa moi doado de desenvolver. Malia todo, non conseguiu acadar o nivel de aproveitamento de espazos das dúas primeiras propostas.
Apoio a emprendedores
A creación deste viveiro de empresas en Barro-Meis está incluído, xunto con outro en Lalín, nun acordo entre a Deputación e a Fundación Incyde, que conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros, dos cales 1,2 millóns proceden de fondos europeos.
O obxectivo é crear un espazo que facilite o desenvolvemento de proxectos empresariais aos emprendedores, polo que a instalación neste viveiro será gratuíta nos dous primeiros anos desde que o emprendedor se instale nel, tempo durante o cal só terán que pagar gastos xerais de mantemento das instalacións.
O viveiro situarase nas parcelas A10 e A11 do polígono industrial e  funcionará como estrutura de acollida temporal para emprazar empresas nos seus primeiros pasos no mercado.
A Deputación e a Fundación Incyde, ademais de facilitarlles este espazo, tamén lles prestará determinados servizos adaptados as súas necesidades, coa finalidade de axudarlles a sacar a diante o seu proxecto e a consolidarse no mercado, favorecendo así a xeración de emprego e a dinamización económica.


No hay comentarios:

Publicar un comentario