Manuel Gago: Moraima, o viño do Salnés alto. - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

viernes, 24 de enero de 2014

Manuel Gago: Moraima, o viño do Salnés alto.



O viño do Salnés alto


Pasei unhas horas rápidas de visita en Barro, no Salnés Alto, cos amigos da Adega Moraima. Tamén cos estudantes do instituto de secundaria: 80 rapaces e rapazas en total para un gran edificio, clases de once alumnos. Cos nenos falei da memoria da ría de Arousa, cos adultos falamos moito do futuro do albariño, dos viños estandarizados, dos litros sen vender, de como se constrúen as marcas de viño e do perigo que parece estar detrás da precipitación de moitas adegas de Rías Baixas, nos últimos anos, por conquistar mercados.
Xantamos na Casa de Porto, unha casa de comidas que entraría nesa categoría tan galaica de: “vouche levar a un sitio“. A señora Albina elabora deliciosa cociña tradicional. Ese día gañounos por goleada. Comezouse con empanada de lacón con grelos, seguiuse cunha magnífica cazola de polbo, ameixas e langostinos, pousouse o bandullo con callos e non tardou en saír a carne guisada. Unhas filloas de grosor de dedo foron o colofón dun xantar que sería a envexa de moitos curas…
O albariño vive hoxe, en gran parte, do cash que entra de mercados exteriores. Pero a penetración en mercados internacionais non vai parella, por desgraza, coa consideración dun viño de prestixio. Hai demasiados litros en depósito aínda, e o tempo pasa rápido porque se fan viños pensados para facer caixa con rapidez. Nesas dinámicas, un 2011 en depósito nestes momentos é unha fonte de stress para o adegueiro…
Na Adega Moraima imos probando depósitos. Adoro a cata directa de depósito, de viños que aínda se están facendo e formando. Ten algo de augurio, algo de prospectivo, coma ese test do psicotécnico no que tes que aventurar a traxectoria. É certo, catas un viño que está agora, pero a túa cabeza degusta o viño que será dentro de seis meses: como será a súa evolución, cal será a cor resultante, que personalidade quedará despois de meses de calma e repouso en depósitos. Na Adega Moraima fan o Aba de Trasumia, nome poético e sonoro, como segunda marca: viño doado, resultón, un primeiro viño para introducir á xente nos viños. Explosión froital no nariz, paso curto. Efímero coma unha festa ou un cóctel. Logo manteñen esa delicia que é o Moraima, un albariño de cepas vellas que aínda mantén algo dun fascinante espírito artesanal. Viñas ben pequenas, que se van seleccionando, ás veces parcelas de viñas. En diferentes depósitos van criando diferentes achegas do Moraima. Cor dourada, aromas envolventes, máis maduros, máis de mazá, de pexego maduro. E unha estrutura en boca ampla e longa. Un albariño magnífico, tan diferente dos clónicos que ateigan nestes momentos no mercado.
O orgullo está, para a adega, no seu novo e pequeno soño. Colleitando cepas de caíño por aquí e acolá, van vinificando esa rexa e única variedade tinta da costa galega. O viño, ben vinificado, con estética de viño concentrado, ofrece un nariz aínda discreto pero unha estrutura en boca na que sobresae a acidez como raíña das sensacións, pero acompañada de notas de compota, froita vermella que apuntan a unha certa golosidade. Non é viño para todos, este caíño, pero será un gran viño para os que amamos os viños enraizados na terra. Neste caso, dunha terra non moi coñecida no panorama dos viños, pero que ten moito que dicir: este Salnés Alto, este Barro no que un grupo de amigos teiman porque as viñas dos seus avós sigan endulzando a vida.

No hay comentarios:

Publicar un comentario