Na actualidade, 406 mulleres e
homes que precisan de atención continuada na provincia contan co servizo
preventivo de axuda da Deputación de Pontevedra
A Deputación de
Pontevedra presta o servizo de teleasistencia domiciliaria, desde o ano 1998, a
través dun convenio de colaboración cos concellos da provincia de menos de
20.000 habitantes, co obxectivo de mellorar a calidade de vida de persoas que precisan
dunha atención continuada, persoas maiores, enfermas e enfermos ou con
minusvalía que vivan soas ou persoas que, vivindo acompañadas, teñan as súas
facultades moi minguadas para valerse na vida cotiá.
Así, 47 concellos da provincia de Pontevedra (Barro,
Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira,
Cerdedo, Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Forcarei, Fornelos de Montes,
Agolada, Gondomar, O Grove, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario,
Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Portas, Ponte
Caldelas, Pontecesures, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas,
Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa,
Vila de Cruces, Vilanova de Arousa) son os que, na actualidade, manteñen un
convenio de colaboración polo que, xunta coa Deputación de Pontevedra,
cofinancian a teleasistencia domiciliaria atendendo a un total de 406 usuarias
e usuarios.
Este servizo permite que as usuarias e usuarios, con
só pulsar un botón e mediante a liña fixa de telefonía, teñan resposta
inmediata en canto a situacións de emerxencia no fogar as 24 horas do día e os
365 días do ano, permitíndolles vivir no seu domicilio con tranquilidade e
seguridade.
Este xoves, 12 de novembro, usuarias e usuarios de
teleasistencia dos concellos de Sanxenxo, O Grove, Cambados, Meis, Portas,
Ribadumia, Vilanova de Arousa e Barro, gozarán dunha xornada de convivencia e
lecer, con actividades lúdicas diversas na Sala Nauta do Concello de Sanxenxo,
co obxectivo de que poidan contactar con outras persoas, intercambiar
experiencias e romper a rutina diaria.
No hay comentarios:
Publicar un comentario