- 
Especialmente salientables resultan as 127 doazóns acadadas o pasado luns 23 de novembro na unidade móbil do CTG que visitou o municipio coruñés de Santa Comba
 
 O Centro de Transfusión de Galicia (CTG) quere amosar o seu sincero 
agradecemento a todos os cidadáns que están a participar activamente
 nas campañas de doazón de sangue, convidando a todos os galegos e 
galegas a continuar doando nesta recta final de ano.
O CTG salienta a elevada participación dos cidadáns que 
se reflicte nas preto de 2.700 persoas que acudiron a pasada semana ata 
os locais de doazón e unidades móbiles do CTG, dos que puideron doar 
sangue un total de 2.369.
Durante a pasada semana, resultou especialmente 
salientable a elevada presenza de doadores e doadoras nos concellos de 
Boiro e Tui, con 122 e 101 doazóns respectivamente, ou as 78 doazóns 
acadadas no municipio pontevedrés de
 Marín e as 77 rexistradas en Bertamiráns (Ames).
Récord en Santa Comba
O Centro de Transfusión de Galicia desexa facer mención 
expresa da elevadísima participación rexistrada o pasado luns 23 de 
novembro no municipio coruñés de Santa Comba que acadou un total de 127 
doazóns de sangue, a cifra más
 elevada das rexistradas as 158 visitas que as unidades móbiles do CTG 
teñen desenvolvido neste concello dende o ano 1993.
Os veciños e veciñas de Santa Comba teñen efectuado un 
total de 9.823 doazóns de sangue dende o ano 1993 ata a actualidade, 
grazas as cales foi posible a realización de máis de 4.500 intervencións
 cirúrxicas,
transfundir plaquetas a 1.960 enfermos
 oncolóxicos e levar a cabo máis de 250 transplantes
 de fígado.
O
 CTG desexa agradecer a todos os cidadáns a súa contribución á 
consecución dun axeitado número de doazóns de sangue, recoñecemento que 
fai extensivo a todos os cidadáns
 galegos que, nalgún momento das súas vidas, teñen doado sangue para 
posibilitar o desenvolvemento do intenso labor asistencial dos nosos 
hospitais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario