§
A secretaria xeral de Emprego,
Covadonga Toca, participou hoxe en Pontevedra no VII Congreso do Traballador
Autónomo
§
A responsable da área
autonómica destacou que os emprendedores galegos son “unha peza clave” na
recuperación económica
§
O Goberno galego reforzará o
seu apoio ás asociacións máis representativas do sector que aglutinan a máis de
227.000 traballadores galegos
A Xunta está a impulsar o labor dos autónomos de Galicia priorizando medidas no sector do emprendemento industrial, xuvenil e no rural. Así o destacou a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, no VII Congreso da Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE-Galicia) celebrado en Pontevedra.
Toca sinalou que os
emprendedores e autónomos son “unha peza clave” na recuperación económica e,
por iso, indicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria seguirá a
estreitar as liñas de colaboración que ven mantendo coa Asociación de Autónomos
e Profesionais de Galicia para apoiar o seu labor.
Deste xeito, explicou
que o departamento autonómico porá en marcha un programa de emprendemento para
favorecer a industrialización de produtos agrícolas e gandeiros e outros
proxectos no medio rural, seguirá a apostar polo autoemprego no sector da
automoción, ao tempo que reforzará o emprendemento dos menores de 30 anos.
A secretaria xeral de
Emprego lembrou que o número de traballadores por conta propia en Galicia
supera os 227.000, o que representa preto do 24 por cento do total de persoas
afiliadas á Seguridade Social. Así, indicou que o fomento do espírito
emprendedor seguirá a ser “un dos piares básicos da política de emprego e de
promoción económica da Xunta”.
Neste senso, apuntou
que o departamento autonómico está a traballar para incrementar a coordinación
entre a Unidade Galicia Emprende e as redes de axentes que existen no
territorio galego para dinamizar o emprendemento. “Queremos establecer máis
sinerxías e ofrecer mellores servizos”, resaltou.
Por último, Toca
afirmou que se seguirá a apoiar o labor das asociacións máis representativas de
traballadores autónomos, xa que afirmou que “forman parte da dinamización
económica e creación de emprego para Galicia”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario