Máis da metade dos concellos da provincia de
Pontevedra participarán no Culturgal 2015 a través do espazo que a Deputación
de Pontevedra puxo ao seu dispor nesta Feira. Un total de 33 concellos
responderon á proposta que se lles trasladou o pasado mes de setembro desde o
ente provincial para amosar a súa oferta cultural neste evento, e destes, un
total de 12 participarán ademais presentando actividades e propostas culturais
no programa da Feira.
O programa do Culturgal 2015,
que se celebrará entre os días 4 e 6 de decembro, foi presentado oficialmente
esta semana e entre as principais novidades, o presidente de Culturgal, Manuel
Bragado, destacou a participación dos concellos da provincia por primeira vez
grazas ao espazo da Deputación, indicando a importancia de "achegar ao
público tamén a cultura local, alimentando a idea da relación entre cultura e
turismo". Na mesma presentación o deputado provincial de Cultura, Xosé
Leal fixo fincapé en que "
apostamos por contar cun espazo no que amosaremos a cultura que se fai desde os
concellos, difundindo a súa programación cultural, nunha experiencia que
esperamos manter en anos vindeiros." Leal fixo fincapé no apoio do ente
provincial á Feira das Industrias Culturais e fundamentou a colaboración da
presente edición na premisa de que "a cultura ten que ser unha industria potente,
que debe vertebrar non só a provincia de Pontevedra senón a todo o país".
O espazo da Deputación de
Pontevedra contará con varios apartados diferenciados para amosar de xeitos
distintos a información dos concellos. Habilitarase un apartado no que se
mostrará a información impresa, dípticos, guías, catálogos e libros; un espazo
audiovisual composto por varias pantallas para poder visualizar pezas
audiovisuais sobre propostas culturais e fitos representativos de cada
concello, e un terceiro espazo dedicado integramente a cartelería de eventos e
citas representativas.
Representación de todas as comarcas
Da comarca de Pontevedra participarán os concellos
de Barro, Campo Lameiro, A Lama, Vilaboa e Poio. Da comarca de Vigo estarán
presentes Salceda de Caselas, Baiona e Gondomar. Da comarca do Salnés estarán
Vilanova de Arousa, Cambados, O Grove e Sanxenxo. Da comarca de Caldas
participarán Valga, Catoira, Caldas, Cuntis e Portas. Desde o Deza e Tabeirós
estarán Rodeiro, Lalín, Silleda e A Estrada. Do Condado-Paradanta participarán
Salvaterra de Miño, As Neves, Ponteareas, Crecente e Covelo. Desde o Baixo Miño
estarán Oia, Tui, Tomiño e A Guarda. E desde a comarca do Morrazo estarán
Cangas, Moaña e Bueu.
Comarca de Pontevedra. Os concellos de Barro, Vilabora e Poio participarán no posto provincial
con información impresa sobre a oferta cultural, de ocio e turística dos
respectivos concellos. Neste sentido, Barro ofrecerá información sobre citas
representativas do concello como son a Festa do Viño, a xuntanza de corais e a
romaría de San Breixo. Os concellos de Campo Lameiro e A Lama, ademais de
ofrecer información impresa no posto tamén teñen previsto participar coa
presentación de propostas. Campo Lameiro presentará o Parque Arqueolóxico da
Arte Rupestre o venres día 4 ás 19:30 horas no programa Foro. O xerente do
parque, César Abella, e o director do mesmo, José Manuel Rey, farán unha viaxe
no tempo a través da súa paisaxe prehistórica e das imaxes gravadas na pedra.
Pola súa banda, A Lama presentará a revista cultural de carácter anual 'A
Pedreira' o sábado 5 ás 12:15 horas no programa Libro. Da presentación
encargarase a coordinadora do proxecto, Cristina Villaverde Ruibal.
No hay comentarios:
Publicar un comentario