ETHEL VÁZQUEZ TRASLÁDALLE AO PRESIDENTE DO TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA O INTERESE DA XUNTA EN AFONDAR NA COLABORACIÓN ANTE OS DESAFIUZAMENTOS E EN DEFENSA DO DEREITO Á VIVENDA - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

jueves, 19 de noviembre de 2015

ETHEL VÁZQUEZ TRASLÁDALLE AO PRESIDENTE DO TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA O INTERESE DA XUNTA EN AFONDAR NA COLABORACIÓN ANTE OS DESAFIUZAMENTOS E EN DEFENSA DO DEREITO Á VIVENDA




A conselleira de Infraestruturas e Vivenda mantivo unha reunión de traballo co presidente do TSXG, Miguel Ángel Cadenas



§         A titular de Vivenda informa da recente posta en marcha do Bono de Alugueiro Social como axuda urxente ás familias cunha orde xudicial que as aboca ao desafiuzamento por non poder pagar a renda
§         Salienta a conveniencia de que os órganos xudiciais lles trasladen aos afectados que o Goberno galego ten en marcha diversas medidas de carácter social para paliar os efectos da perda do fogar
§         Destaca a existencia do Programa Reconduce de asesoramento e prevención, e o Programa de realoxo de afectados por execucións hipotecarias, que permitiu realoxar ao 100% das familias que cumprían os requisitos
§         A conselleira e o presidente do TSXG abordan o interese de trasladarlle á Administración información sobre os desafiuzamentos que diferencie entre vivendas habituais e segundas residencias, fincas, garaxes, etc
§         A xuntanza co presidente do TSXG forma parte da rolda de contactos destinada a divulgar a existencia de respostas para as familias en risco de perder o seu fogar

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, trasladoulle ao presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas, o interese da Xunta de Galicia de afondar na colaboración ante os desafiuzamentos e na defensa do dereito á vivenda. Así o manifestou na reunión que hoxe mantiveron na sede do órgano xudicial na Coruña, na que tamén participou o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García.

Durante o encontro, a responsable de Infraestruturas e Vivenda do Goberno galego presentoulle as políticas sociais de vivenda da Xunta, articuladas recentemente no Plan rehaVIta, o primeiro plan autonómico de vivenda, que redobra os esforzos nesta materia e contén un amplo abano de respostas destinadas a garantir un fogar a aqueles colectivos máis desfavorecidos.

Así, Ethel Vázquez informou da recente posta en marcha do Bono de Alugueiro Social, unha medida de apoio urxente ás familias cunha orde xudicial que os aboca ao desafiuzamento por non pode pagar o alugueiro. Grazas a este programa, sinalou, as familias poden recibir unha axuda de 150 €/mes durante 2 anos e unha achega adicional de 450 euros para aboar as cifras pendentes ou contribuír á formalización dun novo contrato.

A conselleira puxo de relevo que se trata dunha medida que precisa da colaboración dos maiores entes sociais posibles, co fin de intercambiar información nesta materia, para que cando unha familia está en risco de perder a súa vivenda por motivos económicos cómpre que se activen todos os resortes do Estado de Benestar para garantir a súa protección. 

Para elo, recabou a colaboración do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, co obxectivo de que desde os distintos órganos xudiciais poidan trasladarlle aos afectados que o Goberno galego ten en marcha diversas medidas de carácter social para evitar estas situacións tan dramáticas.

Ethel Vázquez detallou tamén que o Goberno galego ten en marcha o Programa Reconduce, liderado pola Consellería de Política Social, que pon o acento na prevención, prestando asesoramento xurídico e económico-financeiro ás familias en situación de risco de desafiuzamento. E destacou o Programa de Realoxo de afectados por execucións hipotecarias, que permitiu adxudicar unha vivenda ao 100% das familias que se dirixiron á Xunta e que cumprían os requisitos.

A conselleira puxo especial fincapé nos convenios asinados pola Xunta con varias entidades financeiras, que puxeron á disposición da Administración autonómica 240 vivendas para adxudicar de forma directa a afectados por desafiuzamentos por non pagar a hipoteca ou o alugueiro. E remarcou que esas mesmas entidades, entre elas a maior de Galicia, se comprometeron coa Xunta a non botar a ninguén do seu fogar por non poder pagar a súa hipoteca.

Na reunión, manifestouse tamén a conveniencia de establecer canles de información que lle permita as Administracións Publicas dispor de datos máis precisos sobre os procesos xudiciais de desafiuzamento. A conselleira destacou que o Poder Xudicial fai públicas de forma periódica estatísticas sobre desafiuzamentos que non diferencian entre vivendas habituais e segundas residencias, garaxes, predios, locais comerciais, etc.  A ese respecto, trasladoulle ao presidente do TSXG a conveniencia de aplicar algún filtro a esa información, co fin de obter unha fotografía real da situación que permita ofrecer a mellor solución ás familias.

A reunión co presidente do Tribunal Superior de Xustiza ocupa un lugar destacado na rolda de contactos que se está a levar desde a Consellería de Infraestruturas e Vivenda con distintos axentes políticos, económicos e sociais, co fin de que axuden divulgar a existencia de respostas para esas familias en risco de perder o seu fogar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario