A CAMPAÑA “IMPOSIBLE SEN TI” IMPULSADA POR CELTA E DEPORTIVO ENTRA NA SÚA RECTA FINAL E ACUMULA UN TOTAL DE 1.665 DOAZÓNS - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

sábado, 2 de abril de 2016

A CAMPAÑA “IMPOSIBLE SEN TI” IMPULSADA POR CELTA E DEPORTIVO ENTRA NA SÚA RECTA FINAL E ACUMULA UN TOTAL DE 1.665 DOAZÓNS



  • A excelente participación cidadán permitiu manter en niveis  axeitados as reservas de compoñentes sanguíneos tras os festivos de Semana Santa

A campaña especial de doazón de sangue “Imposible sen ti”, que afronta esta fin de semana a súa recta final, leva acadado un total de 1.665 doazóns de sangue, das cales 195 (o 12% do total) correspondíanse con cidadáns que doaban por vez primeira.

Esta iniciativa, impulsada polo RC Celta de Vigo e o RC Deportivo da Coruña en colaboración co Centro de Transfusión de Galicia (CTG)-Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, que principiou o pasado mércores 23 de marzo, ten permitido afrontar un período especialmente delicado para a doazón de sangue, como as datas festivas de Semana Santa. Nesta época do ano, soe diminuír o volume de reservas sanguíneas debido ao incremento das urxencias derivadas dos accidentes e, grazas a colaboración dos cidadáns, foi posible manter nun nivel axeitado o volume de doazóns e ofrecer resposta ás necesidades dos hospitais galegos.

Aumentar a participación
A iniciativa impulsada polo Celta e polo Deportivo quere promover este acto solidario nas datas anteriores e posteriores á Semana Santa, período de especial dificultade para acadar unha participación axeitada. Ademais, ambos equipos agasallan a todas as persoas que acudan a doar no transcurso dos desprazamentos previstos nesta campaña cunha camiseta conmemorativa.

Mediante a campaña “Imposible sen ti”, Celta e Depor salientan o seu carácter solidario e amosan como, ás portas do esperado derbi futbolístico galego desta fin de semana, a rivalidade deportiva non é obstáculo para desenvolver iniciativas conxuntas cun obxectivo común: acadar 500 doazóns diarias para poder atender aos doentes ingresados nos hospitais galegos.

Próximos desprazamentos
“Imposible sen ti” é unha campaña que comezou o pasado día 23 pero aínda é posible colaborar nas seguintes localizacions:

SÁBADO 2 ABRIL
ARTEIXO. Na entrada da rúa peonil. Das 10.00 ás 15.00 horas
MOAÑA. Diante do Centro de Saúde. Das 10.00 ás 15.00 horas

Ademais, tamén é posible acudir a doar ata as salas de doazón do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) e do Hospital Nicolás Peña de Vigo, ambos en horario das 08:00 ás 22:00 horas e os sábado das 8:00 ás 15:00 horas.

A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos reitera o seu recoñecemento ás directivas, corpo técnico e xogadores do Celta e do Deportivo pola súa colaboración nesta iniciativa solidaria. Tamén, facer extensivo este agradecemento a todos os cidadáns que, todos os días, doan sangue para que moitos enfermos podan solucionar o seu problema de saúde e, mesmo, salvar a vida.

No hay comentarios:

Publicar un comentario