A CAMPAÑA “IMPOSIBLE SEN TI” IMPULSADA POLA AXENCIA GALEGA DE SANGUE, ÓRGANOS E TECIDOS, CELTA DE VIGO E DEPORTIVO DA CORUÑA DESBORDA TODAS AS PREVISIÓNS E ACADA 2.193 DOAZÓNS - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

viernes, 8 de abril de 2016

A CAMPAÑA “IMPOSIBLE SEN TI” IMPULSADA POLA AXENCIA GALEGA DE SANGUE, ÓRGANOS E TECIDOS, CELTA DE VIGO E DEPORTIVO DA CORUÑA DESBORDA TODAS AS PREVISIÓNS E ACADA 2.193 DOAZÓNS



  • A excelente participación cidadán permitiu incrementar as reservas de compoñentes sanguíneos tras os festivos de Semana Santa
  • Un total de 251 dos participantes foron cidadáns que doaban sangue por vez primeira

Santiago, luns 4 de abril de 2016.- A campaña especial de doazón de sangue “Imposible sen ti” concluíu esta fin de semana cun total éxito de participación, xa que foron 2.193 doazóns de sangue rexistradas, das cales 251 (o 11,5%) correspondíanse con cidadáns que doaban por vez primeira.

O excelente resultado desta campaña, impulsada polo Centro de Transfusión de Galicia (CTG)-Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, en colaboración co RC Celta de Vigo e o RC Deportivo da Coruña, e que principiou o pasado mércores 23 de marzo, ten permitido afrontar un período especialmente delicado para a doazón de sangue, como as xornadas inmediatamente anteriores e posteriores ás datas festivas de Semana Santa.

Participación solidaria
Dende o inicio da campaña, as unidades móbiles e puntos fixos de doazón da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos efectuaron máis dunha vintena de desprazamentos nas cidades da Coruña e Vigo e concellos limítrofes, rexistrando a asistencia de 2.546 cidadáns, dos cales puideron doar 2.193 (o 86% dos presentados).

Esta elevada participación supuxo duplicar o volume de doazóns obtido no mesmo período do ano 2015, circunstancia que ratifica o éxito desta iniciativa e que evidencia o carácter xeneroso e solidario dos cidadáns galegos, así como o compromiso solidario dos dous representantes galegos da máxima categoría do fútbol nacional.

Un obxectivo común
A campaña “Imposible sen ti” impulsada polo Celta e polo Deportivo supuxo unha iniciativa sen precedentes no ámbito nacional, xa que xamais ata este momento dous equipos de máxima categoría do fútbol nacional e ás portas dun derbi autonómico de máxima rivalidade deportiva, unían as súas forzas a prol dun obxectivo común: promover unha conciencia solidaria en favor da doazón de sangue.

Neste sentido, a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos quere transmitir o seu máis sincero agradecemento ás directivas, corpo técnico, xogadores e seareiros do RC Celta de Vigo e do RC Deportivo da Coruña por colaborar xenerosa e altruístamente no desenvolvemento desta iniciativa, que non só acadou o seu obxectivo inicial, senón que desbordou todas as expectativas.

Ademais, fai extensivo este agradecemento aos medios de comunicación que contribuíron a dar información sobre esta campaña e a todos os cidadáns que participaron activamente en “Imposible sen ti”, ademais de todos aqueles que, nalgún momento das súas vidas, teñen doado un pouco do seu sangue para que moitos enfermos podan solucionar o seu problema de saúde e, mesmo, salvar a vida.

No hay comentarios:

Publicar un comentario