Poderán solicitar axudas todos os concellos da provincia,
con menos de 50.000 habitantes, para restaurar bens inmobles de titularidade
municipal, conxuntos urbanos e contornas naturais con recoñecido valor
arquitectónico, histórico, artístico, arqueolóxico e etnográfico
A liña de axudas tamén permite a adquisición de bens
inmobles integrantes do patrimonio histórico na provincia
Desde hoxe e
ata o 30 de maio permanecerá aberto o prazo para que os concellos con menos de
50.000 habitantes soliciten axudas para actuacións no patrimonio histórico e
cultural. O departamento provincial de Cultura e Lingua convoca esta liña de
subvencións para promover a recuperación e rehabilitación deste tipo de
patrimonio existente na provincia, sempre que sexa de titularidade municipal.
A orde de
axudas contempla, dunha banda, a adquisición de ben inmobles integrantes do
patrimonio histórico da provincia, e doutra, a restauración dos bens inmobles ,
conxuntos urbanos e sitios naturais que teñan recoñecido valor arquitectónico,
histórico, artístico, paleontolóxico, arqueolóxico e etnográfico.
Contempla
actuacións que inclúan propostas de obras de conservación e/ou de restauración.
Como obras de conservación estipúlanse as que teñan como finalidade o
mantemento do inmoble coas súas características orixinais, sexan reparacións
puntuais, substitucións concretas de elementos deteriorados, ou as que deriven
de reparacións dos danos habituais provocados polo paso do tempo ou polo seu
uso característico. Mentres, por obras de restauración enténdense as que teñen
por obxecto a restitución da imaxe e unidade do ben, a través de operacións de
reintegración de elementos deteriorados, perdidos ou eliminados no seu momento
cun criterio desafortunado ou erróneo, co fin de recuperar o carácter orixinal
do inmoble e a súa función. Estas obras de restauración poden supoñer a
execución de novas estruturas, peches, cubertas, ou outros elementos de
entidade construtiva.
Para os dous
tipos de obras deben aplicarse criterios nos que se empreguen as solucións
construtivas e de deseño tradicionais e orixinais, utilizando os materiais que
lles son propios.
Os concellos
con menos de 50.000 habitantes da provincia poderán presentar unha única
solicitude ao abeiro desta convocatoria. Deberán incluír, entre outra
documentación, o proxecto técnico ou memoria descritiva da actuación, un anexo
fotográfico do estado real de conservación do ben patrimonial, o orzamento
detallado do investimento a realizar, e o documento acreditativo da
titularidade do ben obxecto da actuación.
No suposto de
adquisición, rehabilitación e mellora de bens inventariables o beneficiario
deberá destinar os bens ao fin concreto para o que se lle concedeu a subvención,
durante un período non inferior a dez anos no caso de bens inscribibles nun
rexistro público, nin a cinco para o resto dos bens.
A Deputación destinará a
esta liña de axudas un total de 400.000 euros. Un importe fixo de 200.000 euros
repartirase de forma lineal entre os concellos da provincia que decidan
acollerse a estas axudas. Os outros 200.000 euros serán repartidos do seguinte
xeito: o 20% desta cantidade destinarase ao grupo de concellos de ata 10.000
habitantes; unha porcentaxe do 40% destinarase ao grupo de concellos que teñan
entre 10.001 e 20.000 habitantes; e outro 40% destinarase ao grupo de concellos
que teñen entre 20.001 e 50.000 habitantes. No suposto da non existencia de
solicitudes por algún dos concellos incluídos nestes grupos procederase a unha
nova redistribución das cantidades iniciais, trasladándollo aos concellos
solicitantes para os efectos oportunos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario