§
Román Rodríguez e Jesús Vázquez Almuiña asinaron hoxe un convenio de
colaboración no CPI Domingo Fontán co fin de dotar ao profesorado destas
habilitades, que despois lle transmitirán ao alumnado de ESO
§
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou a necesidade
de concienciar aos mozos e mozas na importancia de prestar unha correcta actuación,
tanto para salvar vidas, como para ser “cidadáns responsables”
§
O conselleiro de Sanidade resaltou que a atención urxente
constitúe un dos piares básicos do sistema
O conselleiro de
Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o titular de Sanidade veñen de
unir forzas para mellorar e facilitar a intervención do profesorado galego ante
posibles urxencias médicas nos centros educativos. Román Rodríguez e Jesús
Vázquez Almuiña, respectivamente, asinaron hoxe un convenio de colaboración
para formar e habilitar aos docentes galegos en materia de prestación de primeiros
auxilios, soporte vital básico e desfibrilación externa automática.
Tras asistir a unha demostración de
reanimación cardiopulmonar realizada por nenos de 3º e 4º de ESO do CPI Domingo
Fontán, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou a necesidade
de concienciar aos mozos e mozas, xa desde idades temperáns, na importancia de
realizar unha correcta primeira actuación.
Segundo puntualizou, esta primeira
intervención non só axuda a salvar vidas e mellorar o prognóstico da morte
súbita, senón que tamén “nos fai ser cidadáns responsables”.
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade
destacou a importancia de promover a implantación de cursos de reanimación
cardiopulmonar (RCP) nas escolas, xa que o 100% da poboación pasa por elas.
Desta forma, ao longo dos anos, lograríase formar a toda a poboación en RCP, o
que suporía un aumento da supervivencia de paradas cardiorrespiratorias e unha
diminución das secuelas.
Almuiña resaltou que a atención urxente supón
unha necesidade asistencial inmediata, e constitúe, polo tanto, un dos piares
básicos do sistema, obrigando ao sistema sanitario a estar na vangarda da
tecnoloxía, das comunicacións e da incorporación das últimas novidades
diagnósticas e de tratamento. Neste sentido, asegurou que a función do
061-Galicia é das máis relevantes que debe afrontar o sistema sanitario: a
atención urxente ao cidadán, alá onde se atope, no menor tempo posible e cos
medios máis axeitados; e salientou o labor realizado por este organismo, que
vén de cumprir 20 anos.
Os conselleiros estiveron acompañados polo
delgado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e polo
director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, José
Manuel Pinal.
Transmisión
de coñecementos ao alumnado
Ao abeiro deste acordo de colaboración entre
Cultura e Educación e a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061,
o profesorado recibirá formación mixta (cunha parte on-line e unha parte
presencial) e a través dos recursos conxuntos da Rede de Formación do
Profesorado e a Fundación 061.
E unha vez os docentes estean acreditados,
establecerase un calendario de formación do alumnado de ESO, favorecendo así
unha transmisión de coñecementos en cascada. Pola súa banda, a Fundación cederá
o material docente que se empregará na formación dos estudantes.
Protocolo
de Urxencias Sanitarias
Ademais, o conselleiro de Educación lembrou as
actuacións que o seu departamento ten desenvolvido en materia de educación
sanitaria, como a posta en marcha do protocolo de Atención en Urxencias
Sanitarias e Enfermidade Crónica, elaborado o ano pasado ao abeiro da
Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020.
Trátase, tal e como explicou Román Rodríguez,
dunha guía para o profesorado na que se recollen unha serie de nocións básicas para
facilitar a primeira intervención no caso de posibles accidentes que poidan
xurdir nos centros educativos, así como para mellorar a resposta ante
enfermidades crónicas como pode ser a diabete. De feito, a Consellería xa
desenvolveu unha addenda específica para esta última casuística.
Cómpre salientar que este protocolo de
Urxencias Sanitarias se fixo en colaboración coa Consellería de Sanidade, unha
cooperación que se ve reflectida noutros programas educativos xurdidos ao
abeiro do Plan Proxecta, como “Clases sen fume”, “Salvavidas”, “Cociñando con
saúde” ou Xermoliño”, estes dous últimos postos en marcha no curso actual.
No hay comentarios:
Publicar un comentario