A XUNTA ADXUDICA POR MÁIS DE 615.000 EUROS AS OBRAS PARA A EXECUCIÓN DUNHA SENDA NA ESTRADA AUTONÓMICA PO-531 NA DEVESA, NO CONCELLO DE PONTEVEDRA - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

viernes, 5 de marzo de 2021

A XUNTA ADXUDICA POR MÁIS DE 615.000 EUROS AS OBRAS PARA A EXECUCIÓN DUNHA SENDA NA ESTRADA AUTONÓMICA PO-531 NA DEVESA, NO CONCELLO DE PONTEVEDRA

 


 


 

§  A finais deste mes de marzo iniciaranse os actos expropiatorios, co obxectivo de comezar as obras na primavera

§  Construirase un itinerario peonil de 1,5 quilómetros que conectará os núcleos de Sabarís, O Bispo e A Devesa

§  Este novo itinerario contará cun ancho mínimo de 2 metros e cunha franxa axardinada de separación nas zonas que sexa posible, executándose unha pequena pasarela peonil sobre o rego do Castrado

§  Con esta actuación o Goberno galego segue traballando na mellora da seguridade viaria na estrada PO-531, no seu treito entre Pontevedra e Curro, con investimentos que acadan os 3,8 millóns de euros

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar por máis de 615.000 euros as obras para a execución dunha senda na estrada PO-531 na Devesa, no concello de Pontevedra.

 

Para a execución da nova senda, adxudicada á empresa Construcciones Rafer S.L., está previsto iniciar a finais de marzo o acto expropiatorio de levantamento de actas de ocupación dos terreos necesarios.

 

O obxectivo do departamento de Infraestruturas da Xunta é iniciar as obras nesta primavera. Os traballos, cun prazo de execución de 6 meses, estarán rematamos entre finais deste mesmo ano e comezos de 2022.

 

Máis concretamente, o itinerario permitirá comunicar os núcleos de Sabarís, O Bispo e A Devesa, reforzando a seguridade viaria dos peóns.

 

A senda terá unha lonxitude próxima aos 1,5 quilómetros e executarase en formigón cun ancho mínimo de 2 metros. Ademais, construirase unha franxa axardinada de separación entre a calzada e a senda naquelas zonas onde haxa espazo suficiente.

 

As obras tamén incluirán unha senda en voadizo cunha pequena pasarela para superar o rego do Castrado con sistemas de contención, con dous muros para o sostemento de terra.

 

Tamén se levarán a cabo traballos complementarios como a adecuación da rede de drenaxe, a reposición dos servizos afectados, o acondicionamento da sinalización e o balizamento e execución de obras menores para garantir a axeitada accesibilidade ás vivendas existentes.

 

Esta nova actuación da Xunta enmárcase no Plan de Sendas de Galicia e, en concreto, nas actuacións previstas na comarca de Pontevedra. Esta iniciativa está cofinanciada con fondos europeos do programa operativo FEDER 2014-2020.

 

Con esta actuación o departamento de Infraestruturas da Xunta segue traballando na mellora da seguridade viaria na estrada PO-531, no seu treito entre Pontevedra e Curro. O investimento autonómico acada os 3,8 millóns de euros, en traballos recentes e en licitación, ou con proxectos en redacción.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario