§ Os titulares das fincas deberán asistir ao Pazo da Cultura, entre as 10 e as 13 horas
§ O obxectivo é iniciar na primavera esta actuación, que suporá un investimento de preto de 760.000 euros
§ Construirase un itinerario peonil de 1,5 quilómetros que conectará os núcleos de Sabarís, O Bispo e A Devesa
§ Este senda contará cun ancho mínimo de 2 metros e cunha franxa axardinada de separación, executándose unha pasarela peonil sobre o rego do Castrado
§ A Xunta continúa reforzando a seguridade na estrada PO-531, entre Pontevedra e Curro, cun investimento de 3,8 M€ en traballos recentes e en licitación ou con proxectos en redacción
Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade convoca para o 23 de marzo a formalización das actas de ocupación dos terreos necesarios para executar unha senda na estrada PO-531 na Devesa, no concello de Pontevedra, cun investimento de preto de 760.000 euros.
Tal e como recolle o anuncio publicado no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, os titulares das fincas deberán asistir o citado día ao Pazo da Cultura, entre as 10 e as 13 horas.
Neste acto procederase ao pagamento dos depósitos previos e á formalización das actas de ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto.
O obxectivo do departamento de Infraestruturas da Xunta é iniciar as obras nesta primavera. Os traballos, adxudicados á empresa Construcciones Rafer S.L e cun prazo de execución de 6 meses, estarán rematamos entre finais deste mesmo ano e comezos de 2022.
O itinerario permitirá comunicar os núcleos de Sabarís, O Bispo e A Devesa, reforzando a seguridade viaria dos peóns.
A senda terá unha lonxitude próxima aos 1,5 quilómetros e executarase en formigón cun ancho mínimo de 2 metros. Ademais, construirase unha franxa axardinada de separación entre a calzada e a senda naquelas zonas onde haxa espazo suficiente.
As obras tamén incluirán unha senda en voadizo cunha pequena pasarela para superar o rego do Castrado con sistemas de contención, con dous muros para o sostemento de terra.
Tamén se levarán a cabo traballos complementarios como a adecuación da rede de drenaxe, a reposición dos servizos afectados, o acondicionamento da sinalización e o balizamento e execución de obras menores para garantir a axeitada accesibilidade ás vivendas existentes.
Esta nova actuación da Xunta enmárcase no Plan de Sendas de Galicia e, en concreto, nas actuacións previstas na comarca de Pontevedra. Esta iniciativa está cofinanciada con fondos europeos do programa operativo FEDER 2014-2020.
No hay comentarios:
Publicar un comentario